Chegou o día para o inicio das Festas da Guadalupe de Rianxo, edición 2026, organizadas un ano máis pola Asociación A Moreniña en colaboración co Concello.

A troula comeza este venres 11 de setembro cunha Noite Retro e estenderase até o 18, tamén venres, conformando unha semana de celebracións que prometen facer historia.
Logo do chupitaso deste venres 11, celebrarase a devandita Noite Retro e está prevista a actuación de Virtual Project Cover Band, SerieB VideoDJ e Xinho.
O sábado 12 haberá unha destacada presenza de agrupacións de música e baile tradicional da nosa terra, como a Banda de Rivadulla, Trécola, Zeltia Irevire, Fogo Fatuo, Coral Abraira e a Charanga Brass-Ass. Tamén haberá verbena nocturna con Platinum, Verbena Sinfónica, Mariachi Perla, Capitán Sabrosura e DJ Nexxa.
O domingo 13 comezará coas alboradas a cargo da Banda de Ribadumia e Buxaina, que preperarán o terreo para a procesión marítima, ao mediodía. Tamén actuarán o Grupo Arena, Vai de Roda e haberá fogos de artificio. A verbena virá da man de La Banda de Ayer e Galilea.
O luns 14 arrinca coa Banda de Arcade e cos xogos das Juadalupeñas na praza de Castelao (ao mediodía e co tradicional xantar popular). Nesta xornada haberá cantos populares na praza da Igrexa con Cántañe a Rianxo e Río do Anxo. Pola noite actúan Unión y Fuerza e Cayenna.
O martes 15 arrincará con actividades de cultura urbana na praza da Igrexa e nos xardíns da Ribeira, e logo das alboradas de O Son do Río haberá unha sesión vermú na praza de Castelao a cargo de Dilema. Pola tarde haberá máis obradoiros e demostracións de cultura urbana (breakdance, beatbox, rap) e despois celebrarase o Día de Padrón. A media tarde, como vén sendo tradición, comezarán as actividades de irmandade coa vila de Padrón. Logo celebrarase un obradoiro de freestyle e concertos de rap en galego (Ceibarimas). Tamén actuarán Kid Mount e a Fanfarria Furruxa. Pola noite haberá verbena con Charleston e La Última Legión.
O mércores 16 (Día dos Maiores) arrinca con música na rúa a cargo de Os Festas, a partir das 11h. A axenda inclúe a Feira do Circo con malabares e maxia e as actuacións da Banda de Arca, Malezza, El Tomasón e Bando das Gaitas. Este día celebrarase tamén o Xantar dos Maiores en Casa Pachín (con buses e baile). Pola noite verbena con Solara e Cinema.
O xoves 17 será o día do Feirón Mariñeiro (A Feira do 1925) nas rúas do centro histórico rianxeiro, con feira de artesanía e a colaboración das asociacións culturais locais. A axenda inclúe actuacións do Trío Alborada, e de Cé Orquestra Pantasma. Pola noite haberá Noite Folc con Mediarea e Boavila, e logo comezará a verbena con Arizona e Gran Parada.
O venres 18 será o día infantil. Haberá inchábeis, festa da escuma e unha verbena infantil coa actuación de Pakolas e As Tripulantes. Pola noite será a gran traca final da festa actuacións de Eureka, Trébol e Ritmo Joven, e arredor das 2.00 coas bengalas e o canto colectivo de A Rianxeira.
Homenaxe a “O Xixí”
No marco das Festas, a Corporación de Rianxo celebrará este sábado 12 (ás 12h) un pleno extraordinario para conceder a Ramón Iglesias Sánchez (Rianxo, 1938), Moncho “O Xixí”, a Medalla de Ouro de Rianxo. Trátase dun distintivo honorífico recollido no regulamento de honras e distincións do Consistorio aprobado no 1995 e que se concederá por vez primeira este ano para recoñecer “a traxectoria dunha persoa sen igual e que dedicou parte da súa vida a traballar, de maneira desinteresada, por Rianxo”, segundo se informa na proposta da Corporación, na que se engade que “dende a humildade e dende diferentes entidades, Moncho traballou por algo que cada día merece menos atención, o ben común e o fortalecemento dos lazos que fan comunidade”.
O homenaxeado foi presidente do C.D. Unión e do Liceo Marítimo, entre outras ocupacións, mais a súa vida está ligada á organización das Festas da Guadalupe. De feito, estivo ao cargo da comisión durante catro décadas.




