A praia de Coroso, en Ribeira, será o escenario este domingo da xornada de clausura do Circuíto Galego de Augas Abertas. A proba, organizada pola Federación Galega de Natación (Fegan) coa colaboración do Club Náutico Deportivo de Ribeira e o Concello, prevé congregar a arredor de 200 deportistas procedentes de diversos clubs de Galicia e Portugal.

A competición, bautizada como Desafío Fegan, supón a novena e derradeira proba do calendario autonómico e serve á súa vez de penúltima escala do circuíto galaico-luso, que coroará aos seus campións o 20 de setembro na cidade do Porto. A actividade deportiva comezará ás 10.00 horas coa saída conxunta das categorías elite e máster, que afrontarán un trazado de 2.500 metros. Ás 12.00 horas tomarán a saída as modalidades alevín e infantil sobre unha distancia de 1.200 metros, pechando a xornada cunha proba popular de 500 metros aberta a deportistas de todas as idades.
Tódolos percorridos terán a súa saída instalada no pantalán de cemento da mariña seca do club náutico e a liña de meta estará situada baixo un arco inchable visible desde o paseo marítimo. O presidente da Fegan, Juan Carlos Brión, louvou as condicións que ofrece a enseada ribeirense, asegurando que «a zona é magnífica, das que non se atopan en ningún sitio de Galicia para facer este tipo de competición», e adiantou a vontade de postular o enclave para acoller probas de ámbito estatal como a Copa de España en vindeiras edicións.
Na mesma liña, o presidente do Club Náutico Deportivo de Ribeira, José Luis Torres Colomer, fixo fincapé na tranquilidade das augas e na ausencia de correntes en Coroso, amosando a total disposición da entidade a seguir colaborando coa administración local. Pola súa parte, a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, destacou que a vila «sempre foi cuna de deportistas no ámbito da natación», poñendo como referentes os nomes de María Vilas e Iván Brión, e confiou no pulo económico e turístico que este evento achegará ao municipio no tramo final da tempada de verán.




