
A devoción e o ambiente de romaría foron da man na xornada na honra da Virxe do Loreto, un dos momentos máis agardados e concorridos dentro das festas patronais do Porto do Son. Desde primeira hora da mañá rexistrouse un constante fervedoiro de xente na contorna da capela e do campamento, con oficios relixiosos continuados que contaron cunha masiva resposta veciñal, culminando coa misa solemne acompañada pola Banda de Música de Caamaño e a habitual procesión arredor do santuario.
O outro gran punto de interese estivo na tradicional sardiñada popular no campamento do Loreto. Cunha climatoloxía favorable, numerosas cuadrillas de amizades e familias acomodáronse con mesas e provisións para degustar os 400 quilos de peixe preparados polos voluntarios da comisión á grella, esgotando todas as existencias nun xantar amenizado polas pezas de Paco de Leña. O propio alcalde, Luis Oujo, fixo fincapé no grande ambiente rexistrado durante toda a xornada antes de que a troula se trasladase ao serán cara ao centro urbano co concerto de Alana e a verbena de Origen e a discomóbil na zona do peirao.
As celebracións continúan este xoves coa celebración do día de San Roque, a penúltima xornada festeira na localidade. A mañá arrancará coas dianas e alboradas de Canlebó e a conseguinte misa solemne ás doce na capela da Atalaia con posterior procesión, deixando a tarde libre para repoñer forzas antes da verbena nocturna, que fará vibrar a explanada portuaria a partir das once da man das orquestras Los Satélites e New York como adianto á traca final do venres.





