
A Asociación de Produtores de Mexillón de Rianxo (ASPROMERI) reivindicará en Rianxo o papel fundamental da actividade mexilloeira dentro do tecido económico do territorio. O acto forma parte das accións da EDLP do GALP Ría de Arousa para modernizar e poñer en valor o sector. A cita será o vindeiro domingo, 13 de setembro. A sede da asociación acollerá un evento aberto ao público xeral para difundir a importancia deste alimento e reforzar a importancia dos controis de calidade e rastrexabilidade do produto.
O evento, baixo o lema O mexillón ten moito que contar, desenvolverase a partir das 11:30 horas no exterior da sede de ASPROMERI. A instalación dun stand informativo permitirá a veciños e veciñas da vila, e aos turistas que se acheguen á celebración da procesión marítima das Festas da Guadalupe, coñecer máis sobre a importancia da rastrexabilidade o papel da xestión compartida dos recursos.
As persoas asistentes participarán nunha dinámica de xogo para descubrir de preto a xestión deste recurso, o modelo produtivo en batea e a importancia do seguimento e o control durante todo o proceso de cultivo e produción. Logo de saber o que hai detrás de cada mexillón, o evento rematará coa degustación do produto da man do chef Miguel Mosteiro, de GastroLab Arousa, que elaborará diferentes tapas co molusco como protagonista.
Esta acción ten o obxectivo de “reforzar a percepción de calidade deste alimento saudábel e estreitamente vencellado ao territorio a través da súa tradición marítima e ao patrimonio cultural inmaterial da vila de Rianxo”.




