As I Xornadas de Formación de NOGA (Narración Oral Galega) reunirán en Padrón profesionais con diferentes percorridos e niveis de experiencia arredor da palabra, a voz, o corpo, a creación e a reflexión sobre a propia práctica. Esta cita está dirixida a persoas vinculadas á narración oral e a ámbitos próximos que queiran afondar na súa práctica e incorporar novas perspectivas ao seu traballo, algunhas das conferencias están tamén abertas a calquera persoa interesada.

A asociación NOGA levaba tempo coa “idea de crear un espazo propio para a formación, o encontro e a reflexión arredor da narración oral”. Este setembro, esa idea farase realidade coas I Xornadas de Formación de NOGA, que se celebrarán os días 26 e 27 de setembro no Museo da Fundación Camilo José Cela, en Iria Flavia (Padrón).
As xornadas están dirixidas a persoas vinculadas á narración oral e a ámbitos próximos que queiran afondar na súa práctica e incorporar novas perspectivas ao seu traballo. A proposta parte dos coñecementos e da experiencia das persoas participantes, polo que, segundo informa NOGA, “non é unha formación de iniciación, pero tampouco unha proposta reservada a quen leva moitos anos contando”.
NOGA quere “reunir diferentes percorridos, desde persoas que están a comezar a construír o seu oficio ata outras con anos de experiencia, entendendo que todos eles poden achegar coñecementos e preguntas ao encontro”.
Dende o colectivo entenden que “a formación continua dun oficio permite revisar o aprendido, poñer en cuestión algunhas certezas, experimentar con novas ferramentas e achegarse a outras maneiras de entender o que se fai. Tamén permite compartir ese proceso con outras persoas que viven a narración oral desde experiencias diferentes”.
Ao longo de dous días abordaranse cuestións relacionadas coa creación, a voz, o corpo, a memoria oral, a literatura e a presenza escénica, da man de profesionais e especialistas de diferentes ámbitos. Paula Carballeira, Celso Fernández Sanmartín, Guadalupe Jiménez Esquinas, Pablo Ferradás, Pablo Sánchez, Cándido Pazó, Chus Caramés, Santi Prego e Covadonga Rodríguez forman parte do programa desta primeira edición.
As I Xornadas de Formación queren ser así un espazo para aprender e afondar, pero tamén para “pensar colectivamente sobre a narración oral e sobre o momento que vive o propio sector en Galicia, un punto de partida para seguir creando espazos de encontro e formación que acompañen o crecemento dunha comunidade profesional cada vez máis diversa”.
O prazo de inscrición remata o 10 de setembro. A matrícula inclúe as actividades, o aloxamento e a pensión completa, e as persoas socias de NOGA contan cun 50 % de desconto.
Unha vez completado o aforo das xornadas, algúns dos relatorios estarán abertos ao público xeral, cun prezo de 10 € (e descontos para estudantes e persoas socias de NOGA).




