Medio Ambiente di que o seu plan de conservación da píllara das dunas logrou unha tendencia positiva con 93 parellas reprodutoras

03 Setembro 2026

A Consellería de Medio Ambiente puxo en valor este 3 de setembro os resultados acadados ata o momento no marco do Plan de conservación da píllara das dunas, que, segundo indicou a conselleira Ángeles Vázquez, “permitiu recuperar de forma progresiva na costa galega a poboación desta especie vulnerábel ata chegar ás 93 parellas reprodutoras en 25 praias, a cifra máis alta rexistrada desde a posta en marcha desta iniciativa no ano 2014”.

Así o destacou en Santiago a conselleira, quen participou, acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, na clausura da xornada de peche do proxecto IBERALEX, no que se enmarca precisamente o programa autonómico de conservación da píllara.

Indicou que “a tendencia positiva detectada na poboación desta especie”, tal e como explicou a responsable autonómica, “tamén foi posíbel grazas á aposta que fixo a Xunta no ano 2017 por un programa para a conservación e cría ex-situ —é dicir, fóra do seu hábitat natural— destas aves”. Engadiu que desde entón “logrouse que voaran con éxito un total de 178 polos incubados de forma artificial e posteriormente criados nos centros de recuperación de fauna autonómicos que ten a Xunta en Oleiros e Cotobade”.

Cómpre lembrar que IBERALEX é un proxecto europeo para mellorar a conservación da píllara das dunas como ferramenta que permita avanzar na compatibilidade dos usos humanos e da biodiversidade no espazo transfronteirizo formado por Galicia e Portugal, que suma uns 2.600 quilómetros de costa e máis dun milleiros de praia e humidais.

Cun orzamento global de 1,9 millóns de euros, cofinanciado ao 75% con fondos europeos FEDER, o obxectivo co que naceu este proxecto (que rematará o vindeiro 30 de setembro) era dar un paso máis no compromiso con esta especie e na conservación das praias e zonas húmidas ibéricas a través da execución dunha serie de medidas e accións nas que colaboran a Xunta, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e outras institucións académicas e conservacionistas de España e Portugal, cun total de sete socios.

Outros artigos

Sábado 12, tempo seco e solleiro cunha suba xeral das temperaturas

O tempo anticiclónico continuará a marcar o panorama meteorolóxico en Galicia durante a xornada deste sábado 12, Santa Uxía, festivo local en Ribeira. A comunidade permanecerá baixo a influencia directa das altas presións, ás que se sumará a entrada progresiva dunha...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.