O sinistro orixinal, no que dous ocupantes resultaron feridos e trasladados ao hospital, provocou o corte da autovía do Barbanza durante media hora para a retirada de cascallos.
Un aparatoso accidente de tráfico rexistrado na madrugada deste domingo na autovía do Barbanza (AG-11) saldouse con dúas persoas feridas e un total de sete vehículos afectados por danos materiais ao seu paso pola parroquia de Asados, no termo municipal de Rianxo.
O suceso tivo lugar arredor das 01:05 horas á altura do quilómetro 16. Segundo informou o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, un turismo sufriu unha saída de vía e acabou envorcando sobre a calzada. No traxecto previo ao envorco, o automóbil colisionou contra un noiro rochoso, provocando o desprendemento de varios pedróns de grandes dimensións que quedaron esparexidos pola vía.

Impactos en cadea e danos materiais
A escasa visibilidade e a presenza dos cascallos na plataforma provocaron que sete coches que circulaban polo mesmo tramo impactasen sucesivamente contra as pedras desprendidas, rexistrándose múltiples danos materiais nos automóbiles.
Malia a gravidade do envorco inicial, as persoas que viaxaban no vehículo causante lograron saír polo seu propio pé. Non obstante, o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 trasladou a dúas delas ao hospital de referencia para recibir asistencia médica urxente.
Ata o lugar desprazáronse os Bombeiros de Boiro, axentes da Garda Civil de Tráfico e voluntarios de Protección Civil de Rianxo. A circulación na AG-11 permaneceu cortada ao tráfico durante aproximadamente 30 minutos mentres os equipos de emerxencia e mantemento procedían á limpeza dos cascallos e á retirada dos coches afectados.




