A Subdelegación do Goberno e o Concello da Pobra reforzarán a seguridade nas Festas do Nazareno 2026

27 Agosto 2026

O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, e o alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal, co-presidiron a Xunta Local de Seguridade convocada con motivo das Festas do Nazareno 2026, que se celebrarán no concello entre os días 18 e 21 de setembro.

Na reunión participaron tamén as concelleiras de Cultura, Patricia Lojo, e de Igualdade, Estefanía Ramos, e analizáronse as medidas de seguridade e a coordinación necesaria para garantir o normal desenvolvemento dunha das celebracións máis importantes do calendario festivo da Pobra do Caramiñal.

Asistiron ademais representantes da Garda Civil, Garda Civil de Tráfico, Policía Nacional Adscrita, Policía Local, Policía Portuaria, Protección Civil e AXEGA.
O subdelegado puxo en valor a importancia da colaboración entre a Administración do Estado, o Concello e os distintos corpos e forzas de seguridade para anticiparse ás necesidades que poida xerar a celebración e garantir que veciños, veciñas e visitantes poidan desfrutar das festas con seguridade.

“A coordinación e a colaboración entre todas as administracións e as Forzas e Corpos de Seguridade son fundamentais para que as Festas do Nazareno se desenvolvan con normalidade e para que se poida desfrutar destas celebracións con tranquilidade e seguridade”, sinalou o subdelegado.

O alcalde, José Carlos Vidal, destacou que, desde o punto de vista da seguridade, “estas festas están sempre moi ben cubertas, no que ten moito que ver esta reunión de coordinación, e se xurde algo actúase rapidamente”. Ratificou o agradecemento e o bo traballo que se realiza por parte da Policía Local e Protección Civil así como das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

As Festas do Nazareno contarán ademais cun Punto Violeta.

Unha celebración que impulsa a actividade da vila

Durante a reunión tamén se puxo en valor a relevancia social e económica das festas para o municipio. A concelleira de Cultura destacou que “o Nazareno está profundamente ligado á historia, ás tradicións e á identidade local, ao tempo que contribúe a alongar a tempada turística e manter a actividade económica da vila unha vez rematados os meses de maior afluencia”.

Patricia Lojo salientou “a importancia de seguir coidando e potenciando esta celebración e agradeceu o traballo da Comisión do Nazareno e de todas as persoas implicadas na súa organización, así como o labor de coordinación e preparación que permite facer posíbel unha programación destas características”.

A Pobra, por baixo das medias de criminalidade

A Xunta Local de Seguridade analizou tamén a evolución da seguridade cidadá no municipio. Os datos correspondentes ao período comprendido entre xaneiro e xullo deste ano sitúan a taxa de criminalidade da Pobra do Caramiñal moi por baixo das medias provincial, galega e estatal.

Neste contexto, tamén se destacou “o incremento considerábel do esclarecemento dos delitos e das infraccións penais, tanto dos feitos de menor gravidade como dos delitos máis relevantes”.

O subdelegado lembrou que “Galicia é a segunda comunidade autónoma máis segura de España, e puxo en valor o traballo desenvolvido polas Forzas e Corpos de Seguridade para manter estes niveis de seguridade”.

Seguimento da violencia de xénero

Outro dos asuntos tratados foi a situación da violencia de xénero. Na actualidade contabilízanse na provincia da Coruña 2.784 casos activos, mentres que A Pobra do Caramiñal está adherida ao Sistema VioGén, o que permite realizar un seguimento específico das situacións de risco.

Desde o ano 2018, o municipio recibiu 63.897 euros procedentes do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, destinados ao desenvolvemento de actuacións de prevención, sensibilización e protección fronte a esta violencia.

Recoñecemento ao traballo contra o narcotráfico

No transcurso da Xunta Local de Seguridade, o subdelegado tamén puxo en valor “as recentes operacións contra o narcotráfico desenvolvidas na provincia da Coruña, entre elas a realizada o pasado sábado na propia Pobra do Caramiñal”. A operación, desenvolvida pola Policía Nacional, a través dos Grupos de Resposta Especial contra o Crime Organizado (GRECO), coa colaboración doutras unidades policiais, permitiu a detención de catro persoas e a incautación de máis de 1.500 quilos de cocaína. A actuación centrouse na zona da Ribeiriña e na contorna da praia de O Conchido.

O subdelegado trasladou o seu recoñecemento aos efectivos participantes por unha actuación que, segundo dixo, “volve poñer de manifesto a importancia da coordinación e colaboración entre as distintas unidades policiais na loita contra o narcotráfico”.

Igualmente, felicitou á Garda Civil pola operación desenvolvida este mesmo mes en Muxía, na que foron detidas 26 persoas, e na que se interviñeron máis de 1.600 quilos de cocaína cando estaba a ser descargada na praia de Arnela.

A investigación, na que participaron a Garda Civil, a Policía Nacional e o Servizo de Vixilancia Aduaneira, permitiu desarticular unha importante organización criminal dedicada á introdución de grandes cantidades de cocaína en territorio nacional mediante o emprego de embarcacións de alta velocidade.

Outros artigos

Sábado 12, tempo seco e solleiro cunha suba xeral das temperaturas

O tempo anticiclónico continuará a marcar o panorama meteorolóxico en Galicia durante a xornada deste sábado 12, Santa Uxía, festivo local en Ribeira. A comunidade permanecerá baixo a influencia directa das altas presións, ás que se sumará a entrada progresiva dunha...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.