Lousame celebrará a 18ª Homenaxe a Prudencio Romo con tres concertos gratuítos no auditorio da Casa da Cultura

26 Agosto 2026

O Concello de Lousame vai celebrar este mes de setembro os actos correspondentes á 18ª Homenaxe a Prudencio Romo. Farao con tres concertos gratuítos no auditorio da Casa da Cultura.

“Queremos ofrecer unha proposta atractiva, nun espazo máis cómodo e con mellor acústica e ampliando o formato a tres concertos diferentes en tres xornadas para celebrar os dezaoito anos desta Homenaxe a Prudencio Romo, un referente da música en Lousame”. Así presentaba esta mañá a alcaldesa en funcións e concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, o programa da XVIII Homenaxe a Prudencio Romo, que terá lugar no auditorio da Casa da Cultura lousamiá os venres 4, 11 e 18 de setembro, ás 21:00 horas, organizado polo Concello de Lousame e a Asociación Cultural Prudencio Romo. As entradas poden reservarse en Bandoticket.com ou chamando ao 981 82 57 80.

Trátase, en palabras da concelleira, “dunha novidosa programación, xa que ata o de agora esta homenaxe incluía un único concerto de bandas no campo da festa de San Roquiño, se ben nos últimos dez anos tivo que ser trasladado ao polideportivo municipal debido ás malas condicións meteorolóxicas. De feito, esta situación, unida á mellor acústica existente no auditorio da Casa da Cultura, motivaron en gran parte este cambio de emprazamento nesta edición”, sinalou.

O programa foi presentado esta mañá pola alcaldesa en funcións e concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, quen estivo acompañada pola presidenta da Asociación Cultural Prudencio Romo, Isabel Gómez; o director da Banda de Música de Lousame, Marcos Pereiro; o director musical e o secretario do Grupo A Misela de Noia, Alejandro Guillermo e Juan Rodríguez; e o xestor cultural de Lousame, Eduardo Agraso.

Programación

As tres actuacións terán lugar ás 21:00 horas no auditorio da Casa da Cultura de Lousame e arrincarán o venres 4 de setembro cunha actuación de Sul Ponticellas Quartet e a Banda de Música de Lousame. “Trátase dunha proposta sorprendente que de seguro gustará pois son un cuarteto de violonchelos cos que tentaremos facer un concerto que traslade musicalmente ao público por distintos lugares do mundo”, adiantou o director da Banda de Música de Lousame, Marcos Pereiro, para quen “acusticamente o cambio de emprazamento é unha boa opción”.

O venres 11 de setembro será a quenda do Grupo A Misela de Noia de Música Popular Iberoamericana. Alejandro Guillermo destacou que “para nós é unha honra participar na homenaxe a Prudencio Romo, pois somos conscientes da importancia deste músico en toda a ría de Muros Noia, tanto na súa época nos Tamara como despois, e é de agradecer que o Concello de Lousame manteña viva a súa memoria”. Sobre a súa actuación, adiantou que será un concerto “de música popular iberoamericana que agardamos sexa do agrado de todo o público, polo que convidamos a toda a veciñanza de Lousame a asistir”.

Finalmente, a Banda de Música de Lousame pechará a programación o venres 18 de setembro, data na que está prevista algunha sorpresa musical máis que poderá desfrutar o público asistente. Nos tres casos, a entrada é totalmente de balde, se ben é preciso reservar entrada a través de Bandoticket ou chamando á Casa da Cultura (981 82 57 80).

Cambio á Casa da Cultura

O xestor cultural de Lousame, Eduardo Agrafojo, explicou que as datas e horarios escollidos para esta XVIII Homenaxe a Prudencio Romo “están pensados para non interferir coas festas das parroquias, adaptamos o programa a esas festas para que a xente poida desfrutar de ambas propostas”.

Ademais, puxo en valor que “as necesidades técnicas non son as mesmas en San Roquiño que na Casa da Cultura”, onde se gaña en acústica, as persoas maiores están moito máis cómodas e se evitan sorpresas meteorolóxicas. De feito, nos últimos dez anos, tan só foi posíbel realizar a homenaxe en San Roquiño nun par de ocasións, polo que houbo que trasladalo ao polideportivo que, aínda que ten avanzado nas súas condicións acústicas, non pode compararse coas do auditorio da Casa da Cultura.

Outros artigos

Sábado 12, tempo seco e solleiro cunha suba xeral das temperaturas

O tempo anticiclónico continuará a marcar o panorama meteorolóxico en Galicia durante a xornada deste sábado 12, Santa Uxía, festivo local en Ribeira. A comunidade permanecerá baixo a influencia directa das altas presións, ás que se sumará a entrada progresiva dunha...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.