Este venres 14 de agosto chega a Rianxo A máquina do tempo das científicas a cargo de Trémola Teatro. Trátase dun contacontos cheo de ciencia, aventuras e referentes femininos. O espectáculo, dirixido á rapazada pero tamén aos maiores da casa, será a partir das 12:00 horas no Campo de Arriba.
A máquina do tempo das científicas é un contacontos teatralizado creado pola compañía Trémola Teatro. A obra está diririxida a público infantil a partir de 5 anos para dar a coñecer de forma divertida o traballo de mulleres importantes na historia da ciencia.
A trama xira arredor de Ánxela, unha nena que, mentres explora o soto da súa casa, atopa unha máquina do tempo máxica. Ao poñela en funcionamento, viaxa a diferentes épocas do pasado, o que lle permite coñecer de primeira man a importantes mulleres da historia da ciencia.
A peza encádrase no ciclo Circuíto en Igualdade da Deputación da Coruña.




