
Os portos autonómicos de Galicia recibiron durante a primeira metade do verán preto de 1.800 embarcacións en tránsito, que xeraron uns ingresos no sector auxiliar vinculado á náutica de recreo nas vilas mariñeiras de case 2,2 millóns de euros. Así o comunicou a presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, nunha visita ao porto de Muros, que foi o que máis barcos transeúntes rexistrou durante os meses de xuño e xullo.

Botana Rey explicou que segundo os datos rexistrados polos xestores dos portos deportivos autonómicos, no que vai de verán atracaron nos 30 portos deportivos que xestiona a Xunta de Galicia 1.778 barcos de turistas náuticos. O porto de Muros foi o que máis tránsitos recibiu, cun total de 230: 124 no mes de xullo e 106 en xuño. Séguenlle Viveiro, con 205 e Combarro (Poio), con 204.
Estas cifras mantéñense en parámetros moi similares ao ano pasado e confirman o auxe do turismo náutico en Galicia desde a pandemia, indicou, engadindo que “estamos polo tanto a fidelizar a chegada de tránsitos e, tal como trasladan os xestores náuticos que os acollen, estanse a ampliar as estancias, chegando a media de pernoctas a case 6 noites”.
As asociacións de náutica de Galicia cifran en 4 pasaxeiros e 50 euros por pasaxeiro e día a media de gasto dos turistas náuticos que chegan á comunidade. Dese modo estímase un volume de negocio xerado no entorno directo dos turistas náuticos neste principio de verán duns 2,2 millóns de euros.



