Declarada a prealerta por escaseza moderada de auga no sistema do río Tambre a ría de Muros

11 Agosto 2026

A Xunta decidiu activar a situación de alerta por escaseza de auga nos sistemas do río Lérez, en Pontevedra, e do río Anllóns e Costa da Coruña ata o límite con Arteixo, dúas bacías que estaban xa en prealerta desde facía un mes. Así mesmo, acordou aplicar medidas equivalentes a un escenario de alerta, sen chegar a declarala, no subsistema de Baiona, pertencente á unidade territorial río Verdugo e que tamén estaba ata agora en situación de seguimento.

A maiores, entran en prealerta por escaseza moderada de auga outras catro unidades territoriais da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, concretamente, as UTE do río Tambre e ría de Muros; do río Grande, en Camariñas; do río Mendo e ría de Betanzos, e do río Landro e río Ouro.

Así o acordou hoxe a Oficina Técnica da Seca, que estivo presidida polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, e á que asistiron tamén outros cargos directivos do organismo hidráulico, así como representantes de Protección Civil, de MeteoGalicia e das Consellerías de Sanidade e do Medio Rural.

Durante a reunión, os técnicos tiveron en conta tanto datos meteorolóxicos como a evolución dos caudais circulantes mensuais nos ríos da conca e outros indicadores de seca e escaseza, segundo o protocolo establecido no Plan especial de seca de Galicia-Costa.

Neste sentido, para a declaración da alerta pesou, sobre todo, o descenso importante e continuado que experimentaron xa desde a primavera os caudais circulantes e o volume de auga encorada nestas tres bacías, que, de feito, acumulan máis de dous meses con indicadores de caudal baixos e sen que se detecte un cambio de tendencia.

Así mesmo, no caso das catro unidades territoriais que pasan desde hoxe de normalidade a prealerta, valoráronse os baixos valores dos indicadores de escaseza durante un período de tempo continuado e, no caso concreto do río Grande, o acusado e recente descenso das achegas hídricas, cunha redución do caudal superior ao 50% no mes de xullo.

En total, xa son 91 —32 en alerta e 59 en prealerta— os concellos afectados por restricións ou medidas de seguimento de encoros e ríos nun escenario marcado pola escaseza de chuvias e as altas temperaturas. No resto de unidades territoriais de escaseza de Galicia-Costa mantense a situación de normalidade e segundo os datos de ocupación de comezos de agosto, os encoros de abastecemento se sitúan nun 72,74%, un 14,44% por debaixo do nivel que tiñan por estas mesmas datas o ano pasado.

Implicacións nos concellos afectados

O nivel de alerta é o segundo máis alto dos establecidos no Plan de seca da demarcación Galicia-Costa para a xestión de situacións de escaseza conxuntural, sendo o último e máis elevado o de emerxencia. A efectos prácticos, esta declaración supón comezar a adoptar medidas para conservar os recursos hidráulicos existentes. Por exemplo, a prohibición de usos prescindíbeis como o baldeo de rúas, o enchido de piscinas ou a rega de xardíns. Así mesmo, en caso de ser preciso, aplicaríanse cortes de auga puntuais.

En concreto, os 32 concellos afectados pola alerta son Beariz, Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cangas, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Forcarei, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Sanxenxo, Silleda e Vilaboa, da UTE río Lérez; Arteixo, Cabana de Bergantiños, Carballo, Cerceda, Coristanco, Culleredo, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Tordoia e Zas, do río Anllóns; e Baiona.

A situación de prealerta implica un seguimento intensivo da situación meteorolóxica e dos niveis de ríos e encoros nos sistemas afectados de Galicia-Costa, así como das posíbeis incidencias que se detecten. Ademais, prevense medidas de concienciación dirixidas á cidadanía para facer un uso responsábel da auga e recomenda aos concellos minimizar os gastos públicos non esenciais. De feito, neste escenario os municipios teñen a obriga de comunicar a Augas de Galicia os seus datos diarios de caudais de consumo.

Neste caso, os concellos afectados e non incluídos xa nas zonas de alerta son: Abegondo, Ames, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boiro, Boqueixón, Brión, Carnota, Carral, Curtis, Frades, Lousame, Mazaricos, Melide, Mesía, Muros, Negreira, Noia, Ordes, Oroso, Outes, Oza-Cesuras, O Pino, A Pobra do Caramiñal, O Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Sobrado, Toques, Trazo, Val do Dubra e Vilasantar, da UTE río Tambre e ría de Muros; Camariñas, Laxe, Muxía e Vimianzo, da UTE río Grande; Aranga, Bergondo, Betanzos, Coirós, Irixoa, Miño, Monfero, Oleiros, Paderne, Sada, Vilarmaior, Friol e Guitiriz, do río Mendo e ría de Betanzos; e Alfoz, Foz, Muras, Ourol, O Valadouro e Viveiro, da cunca río Landro e río Ouro.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.