En lembranza da calor destes días, vamos seguir dándolle voltas aos cambios meteorolóxicos, dos
que xa se ten falado, debatido e opinado en miles de ocasións distintas. Antes era moi frecuente
falar do tempo nas tabernas, nos bares da esquina, ao saír do traballo, da biblioteca ou do Instituto
Meteorolóxico. Agora non, non se fala do tempo. A xente fala do aire acondicionado, das aplicacións
do aire á industria, da aerotecnia e das distintas formas de refrixeración, entre elas, a que se fai por
absorción.
Estamos en tempos de falar e de pensar. Hai que pensar e axudarlles aos pensadores e científicos a
pescudar o que pasa e cales son as causa do que pasa. Vostede, sabeo? Seguramente moitos e
moitas das persoas que andan polo mundo andando intúen ou saben certamente o que pasa. O
desdén e, posiblemente, a pouca información deixan á poboación desvalida, en situacións límites e
de escurantismo, cun mundo negro, aínda que poderá converterse en branco e espléndido.
A calor abafa, afoga e asfixia as ideas, os corazóns e pulmóns dos que se resisten. E moito máis,
naqueles lugares onde non hai costume de estar parados ao sol matinal, da mediodía, da tarde e do
empardecer.
Os informes de universidades, e centros reputados de investigación, indican que algo está
cambiando e que as ciencias atmosféricas están pedindo atención. Pois, a sociedade científica, á
marxe de calquera especulación, debe por as mans e o coñecemento na obra e explicarlle ao mundo
se está pasando algo ou se, pola contra, estamos nunha situación normal, aos corenta grados.
Os incendios, e enormes masas forestais desatendidas, non lles deixan aos nosos paisanos predicir o
tempo dende o corredor. Pouco queda da riqueza que tivemos. Pero, aínda así, cómpre respectala.
Fluxento de Lamarredona segue mirando por onde pode e engánase poucas veces co tempo de
mañá.
Volverá chover miudiño. Choverá a destempo, novamente, e a festa cambiará de barrio, de palco e
de música, pero a mocidade seguirá bailando ao agarrado. Mentres tanto, os sociólogos, estudosos
dos movemento costumistas, os musicólogos e, moi especialmente, os etnógrafos e antropólogos,
farán versións garantidas pola ciencia e irán polo mundo divulgando e cantando os seu saberes.
Como dia a Tía Manuela, “tamén o facían os cegos, nunha feira calquera”.
Xoves 24, persistencia do aire cálido con brétemas costeiras no litoral atlántico
Galicia continuará este xoves 24, Nosa Señora da Mercede, baixo a influencia dunha masa de aire cálido combinada con ventos de orixe marítimo, unha configuración que achegará niveis moi elevados de humidade á metade oeste da comunidade. O fenómeno máis destacado da...



