Agárdanse chuvascos máis intensos e posibles treboadas a partir do mediodía, acompañados dunha caída notable das temperaturas máximas.
O tempo dá un xiro radical no suroeste e no centro da provincia. Despois dun amencer de transición, a xornada deste venres, Santa Cristina, estará marcada pola entrada duns embolsamentos de aire frío en altura que inestabilizarán de pleno a atmosfera nas Rías Baixas e na área urbana de Santiago de Compostela.
A partir do mediodía e durante toda a tarde, a nubosidade de evolución medrará con forza, dando paso a chuvascos máis intensos e xeneralizados que, de xeito local, poderán ir acompañados de aparataxe treboenta tanto na liña do litoral como no interior compostelán.
As temperaturas experimentarán un descenso xeral, que será especialmente notable nas máximas da metade sur e do leste da comunidade, onde os termómetros darán un baixón significativo respecto aos días anteriores. (Máximas de 24 graos).
Pola súa banda, o réxime de ventos manterase de compoñente sur-suroeste, soprando con intensidade frouxa en xeral durante todo o día.

O noso mar; Vento do sur á mañá, do oeste á tarde e variable á noite, forza 1 a 3 á mañá, 2 a 3 á tarde e 1 a 2 á noite. Mar ovellado á mañá e á tarde e mar rizado á noite. Visibilidade regular á mañá e boa á tarde e á noite. Mar de fondo do noroeste, con ondas de 0.5 a 1 metros.



