Galicia continúa este luns 20 de xullo, San Elías, baixo a influencia do aire frío en altura situado ao oeste da comunidade. Esta configuración meteorolóxica deixará unha xornada marcada pola inestabilidade e os contrastes en toda a metade occidental, afectando de xeito directo tanto á contorna de Santiago de Compostela como ao litoral das Rías Baixas.
Rías Baixas: brétemas costeiras no litoral
A situación será notablemente distinta na liña de costa. A humidade do Atlántico favorecerá a presenza de densas brétemas mariñas, especialmente no treito litoral comprendido entre A Guarda e o cabo Louro. Estas néboas poderán reducir a visibilidade en praias e zonas costeiras durante boa parte do día, tendendo a abrirse de cara a primeiras horas da tarde nalgunhas zonas.
Santiago e o interior: nubes de evolución e risco de treboadas
Na capital galega e nas comarcas do interior da provincia de Pontevedra, o día espertará cunha alternancia de nubes e claros. Con todo, a medida que avancen as horas e vaia quentando o sol, espérase a formación de nubes de evolución.
Este desenvolvemento nuboso prevese máis intenso de cara á tarde, cando se poderán rexistrar chuvascos de tipo treboento. Recoméndase precaución ante a posibilidade de treboadas locais que poidan descargar con certa intensidade en puntos do interior.
Termómetros sen grandes novidades
No que respecta ás temperaturas, non se esperan cambios significativos. Os termómetros manterán valores moi semellantes aos de onte, cun ambiente agradable onde os claros fagan acto de presenza, pero sen chegar a calor extrema debido á influencia da masa de aire frío.(máximas de 28 graos).

PROGNÓSTICO ATA O 1 DE AGOSTO TEMPO SECO E SOLEADO:

O noso mar: Vento do sur á mañá e do noroeste á tarde e á noite, forza 2 a 3 á mañá, 1 a 3 á tarde e 1 a 2 á noite. Mar ovellado á mañá e á tarde e mar rizado á noite. Visibilidade mala á mañá e á noite e boa á tarde. Mar de fondo do noroeste, con ondas de 0 a 1 metros.



