A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) acordou dedicar o Día das Artes Galegas 2027, que se celebrará o vindeiro 1 de abril, á soprano coruñesa María Luisa Nache, considerada a intérprete lírica galega máis destacada do século XX.

A decisión foi adoptada por unanimidade durante o pleno ordinario celebrado este sábado na sede da institución na Coruña, presidido por Manuel Quintana Martelo. A Academia destaca a excepcional traxectoria artística de Nache, o seu labor docente e o seu papel como embaixadora da cultura galega nos principais escenarios internacionais.
Segundo explicou a RAGBA, a homenaxe responde á súa “carreira inigualable, o seu labor docente e o seu significado como icona cultural”, cualidades que a converten nunha figura merecedora deste recoñecemento. A institución tamén salienta que o canto lírico forma parte das belas artes con maior tradición en Galicia, polo que a súa elección supón tamén unha reivindicación da voz humana como expresión artística.
María Luisa Nache destacou por unha voz de soprano de extraordinaria calidade técnica e expresiva, que a levou a compartir escenario con algunhas das grandes figuras da ópera do século XX, como Maria Callas, Franco Corelli ou Mario del Monaco.
A Academia tamén puxo en valor o seu compromiso coa formación musical. Tras desenvolver unha brillante carreira internacional, regresou á Coruña para impartir docencia no Conservatorio de Música, onde contribuíu á formación de novas xeracións de cantantes. A súa participación nas tempadas de ópera da cidade tamén foi decisiva para consolidar a tradición lírica coruñesa.
Unha carreira internacional
Nacida na Coruña en 1924, María Luisa Nache iniciou a súa formación musical na Escola de Canto de Bibiana Pérez e perfeccionou posteriormente a súa técnica en Madrid co mestre Lorenzo Simonetti.
Debutou en 1945 no Teatro Rosalía de Castro coa ópera Aida, pero foi en 1953 cando deu o salto definitivo á escena internacional ao actuar no Teatro alla Scala de Milán interpretando Médée, de Cherubini, xunto á lendaria Maria Callas e baixo a dirección de Leonard Bernstein.
En 1959 regresou ao prestixioso teatro milanés para participar en Il trovatore, de Verdi, compartindo escenario co tenor Franco Corelli. Xa na década de 1970 obtivo a cátedra de canto no Conservatorio da Coruña e ingresou na Real Academia de Belas Artes de Nuestra Señora del Rosario.
María Luisa Nache faleceu na Coruña en 1985, deixando unha fonda pegada na historia da lírica galega e española.
O Día das Artes Galegas foi instituído pola Real Academia Galega de Belas Artes en 2015 para recoñecer figuras fundamentais da creación artística galega. Na edición de 2026 o homenaxeado foi o fotógrafo alaricano José Suárez.



