O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e pola alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, visitou este xoves 25 de xuño a praza de abastos de Santa Uxía tras térselle concedido o selo de Mercado Excelente. González e Alén felicitaron ao Consistorio e a veciñanza polo distintivo logrado lembrou que xa contaban con esta distinción as instalacións de Tomiño, Vilagarcía de Arousa, Pontedeume e Carballo, avanzando cara ao obxectivo de acadar 25 Mercados Excelentes no período de execución do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.

O conselleiro apuntou que todas estas prazas de abastos “destacan pola súa modernidade, innovación e dinamización, sen perder a autenticidade, tradición e trato personalizado, o que lles permite proporcionar ás persoas consumidoras unha ampla variedade de produtos frescos de proximidade e óptima calidade”. No caso ribeirense, salientou que conta cunha vintena de postos de venda de peixes e mariscos, produtos cárnicos, conxelados, froitas e verduras, panadaría e pastelaría ou produtos gourmet. Tamén con oferta complementaria de restauración —incluído o servizo de cociña empregando produtos do mercado e o de comida para levar— e con espazo para a celebración de eventos, cursos, presentacións e calquera outro tipo de actividade dinamizadora.
Nese sentido, González puxo en valor este mercado “non só como punto de encontro para a veciñanza e as persoas visitantes, senón tamén pola súa ampla oferta comercial entre a que resalta o produto procedente da ría de Arousa, ademais das carnes, froitas, verduras e outros alimentos típicos da comarca”.
Engadiu que “a súa situación próxima ao paseo marítimo e aos núcleos de actividade comercial favorece o acceso e facilita que a praza se manteña como un eixe de dinamización socioeconómica”.
O titular de Comercio lembrou que a Xunta vén apoiando estas instalacións desde a súa construción, sendo a última axuda concedida para a realización dunha diagnose e estudo de mercado sobre a praza. O obxectivo, dixo, é avanzar cara a un modelo de excelencia que sirva como referente de calidade, innovación e compromiso coa cidadanía, baseándose en principios como a sustentabilidade ou a competitividade.
José González sinalou que o selo concedido á praza de abastos de Ribeira é “o primeiro que se entrega desde que a Xunta actualizou e flexibilizou os criterios para a concesión destes distintivos”.
Coa reto de sumar 25 Mercados Excelentes en 2030, fixo fincapé en que está en marcha para conseguilo o Plan de impulso da Rede de Mercados Excelentes, que “rexe a colaboración coas entidades locais de cara a dar pulo á calidade e excelencia das prazas de abastos”.
Este Plan establece apoios autonómicos de ata o 70 % co gallo de promover obras de reforma, mellora ou modernización nas instalacións que aspiren a obter o selo de Mercado Excelente.




