A chegada da inestabilidade provocará un descenso das temperaturas e aumentará o risco de chuvascos localmente fortes durante a tarde
As Rías Baixas e a comarca de Santiago afrontarán este mércores 24 festivo autonómico, San Xoán, unha xornada marcada polo cambio de tempo. A chegada das baixas presións desde o Atlántico, combinada coa presenza de aire moi cálido en superficie e aire frío en altura, favorecerá a aparición de inestabilidade atmosférica en boa parte de Galicia.
A mañá comezará con intervalos de nubes medias e altas, acompañadas de brétemas nas Rías Baixas, especialmente en zonas próximas á costa. Aínda que nas primeiras horas predominará un ambiente relativamente tranquilo, a situación cambiará co avance da tarde.
Será entón cando se formen núcleos tormentosos que poderán deixar chuvascos localmente fortes e, de forma puntual, acompañados de sarabia. O risco de tormentas será maior nas comarcas do interior e nas últimas horas da xornada, aínda que tamén poderían rexistrarse precipitacións en áreas próximas a Santiago de Compostela.
As temperaturas experimentarán un descenso notable nas zonas costeiras das Rías Baixas(25 graos de máxima), mentres que no interior a baixada será máis moderada (29 graos de máxima). A pesar desta diminución, o ambiente continuará sendo relativamente cálido para a época do ano.
En canto ao vento, soprará frouxo de compoñente oeste-suroeste durante boa parte do día, intensificándose progresivamente na costa ao final da xornada.
A previsión apunta así a unha xornada de transición, na que o tempo estable e caloroso dos últimos días dará paso a un escenario máis variable, con especial atención á evolución das tormentas durante a tarde e a noite.

O noso mar: Vento do sudoeste á mañá, do oeste á tarde e do noroeste á noite, forza 1 a 2 á mañá e á tarde e 2 a 4 á noite. Mar rizado á mañá e á tarde e marusía á noite. Visibilidade regular. Mar de fondo do noroeste, con ondas de 0 a 0.5 metros.



