O verán comezou na madrugada deste sábado ás 4.42 horas

19 Xuño 2026

Segundo o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, esta primavera foi moi semellante á pasada en termos meteorolóxicos, con 49 días de precipitación

O verán deu comezo no hemisferio norte ás 4.42 horas da madrugada deste sábado. Será cando o Sol estea no punto Cáncer da eclíptica, ou solsticio de xuño, acadando a máxima elevación con respecto ao ecuador celeste (declinación máxima). “Nestes días, polo tanto, teremos a meirande diferencia entre o día e a noite, con mais de 16 horas de luz na nosa latitude, incluíndo a crepuscular”, explica o profesor José Ángel Docobo, coordinador científico do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC.

“Porén, debido a que o tempo oficial non se mide con respecto ao Sol senón usando o chamado Sol medio, xa foi o 15 de xuño cando o Sol saíu antes e será o 27 de xuño cando máis tarde teña lugar o solpor”, explica.

Esta estación prolongarase ata as 20.19 horas do 22 de setembro, de maneira que estes 93,65 días fan que o verán boreal sexa a estación máis longa das catro. Ademais, segundo explica o profesor Docobo, o 3 de xullo a Terra pasará polo afelio, punto de máxima distancia ao Sol -152,1 millóns de quilómetros; a mínima (perihelio) tivo lugar o 4 de xaneiro (147,1 quilómetros).

Fenómenos nesta estación
Este ano, a visión da chuvia de estrelas Perseidas na noite do 12 ao 13 de agosto vai coincidir coa Lúa case chea, que sairá polo leste sobre as 23:15 horas, “o que vai afectar a visión dos meteoros durante a noite, aínda que se poderá tentar observar os mais brillantes”, advirte.

O 7 de setembro terá lugar unha eclipse total de Lúa, cuxa fase total non se chegará a ver dende a parte occidental de Galicia. “Xa que logo, a saída do noso satélite natural vai coincidir practicamente co remate desa fase e será o inicio na segunda parte da fase parcial o que poderá verse”, asegura Docobo.

Unha primavera meteoroloxicamente normal
No plano meteorolóxico, con primaveras bastantes secas nestes últimos anos, a que agora remata, con 49 días de precipitación, “pode considerarse semellante á de 2024, e xa dentro na normalidade”, explica o director científico do Observatorio universitario.

A nebulosidade e as temperaturas suaves en xeral provocaron a sensación de que a estación que agora remata foi moi chuviosa, pero o certo é que se mediu unha cantidade inferior á do ano pasado (480 l/m2) pero superior, por exemplo, á dos anos  2023 (318,2 l/m2), 2022 (166,3 l/m2) ou 2021(249,1 l/m).

Na estación meteorolóxica do Observatorio Astronómico da USC recolléronse un total de 333,7 litros/m2: 63,9 a finais de marzo, 172,5 en abril; 75,3 en maio e 22 nos vinte primeiros días de xuño. Os días máis chuviosos en Santiago foron o 21 de marzo (36,6 l/m2) e o 30 de abril (31,7 l/m2).

Con respecto ás temperaturas, a máxima da primavera tivo lugar o pasado 17 de xuño con 35º3. Tamén se pasou dos 30 graos os días 16 de xuño (32º5), 10 de xuño (32º4), 29 de maio (32º2) e 9 de xuño (31º2). Pola contra, a temperatura mínima rexistrouse o 23 de marzo con  3º4.

Sesións do Observatorio
Como en anos precedentes, ademais de colaborar no programa propio do Destino Starlight da vila de Lalín, durante o verán o Observtorio Astronómico Ramón María Aller vai impartir sesións públicas de divulgación astronómica en varios concellos galegos, que se anunciaran na súa páxina web, con programas financiados polo Ministerio de Ciencia e Innovación, a Xunta de Galicia e o Consello Social da USC.

Outros artigos

Noia legaliza o seu Punto Limpo

O Concello de Noia vén de culminar o proceso de legalización do Punto Limpo municipal, poñendo fin a unha situación administrativa que segundo lembrou o Goberno local, “víase arrastrando desde hai anos”. A legalización constitúe “un paso importante para mellorar a...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.