O 15 de xuño arranca o Pasaporte do Bo Rianxeiro (a ARE desvela “o segredo do alcalde”)

14 Xuño 2026

A recente campaña de intriga promovida pola Asociación Rianxeira de Empresas (ARE) espertou a curiosidade da veciñanza e converteuse nun dos temas de conversa da vila nos últimos días. A iniciativa incluíu o pegado de carteis dispostos en distintos puntos de Rianxo xerando unha pregunta que moitos intentaron responder: “O alcalde ten un segredo”.

A iniciativa, impulsada pola Asociación Rianxeira de Empresas (ARE), deu lugar a numerosas especulacións entre a veciñanza e converteuse así nun tema de conversa habitual. A repercusión da campaña chegou incluso ás páxinas de La Voz de Galicia, onde tamén se recolleron algunhas das teorías que circulaban arredor do misterioso segredo.

Este venres 12 de xuño a incógnita quedou resolta, segundo confirmou a ARE. O segredo do alcalde era o lanzamento do Pasaporte do Bo Rianxeiro, unha nova campaña de dinamización comercial que dará comezo o próximo 15 de xuño.

A iniciativa convida á veciñanza a percorrer os establecementos participantes, conseguir selos coas súas compras e completar un pasaporte que lles permitirá entrar no sorteo dun escaparate de premios cedidos polos establecmentos participantes socios da ARE. A campaña nace coa intención de “incentivar o consumo nos negocios locais e reforzar o vínculo entre a cidadanía e o tecido comercial da vila”, confirmou a patronal rianxeira.

O desenlace da acción desvelouse a través dun vídeo publicado nas redes sociais protagonizado polo alcalde de Rianxo, no que se revela que o seu segredo era precisamente a creación deste pasaporte. Na peza, o rexedor afirma que “Rianxo necesitaba un pasaporte como Deus manda”, unha mensaxe que resume o espírito da campaña.

A estratexia de comunicación foi ideada por Carla Da Silva, publicista e responsable de

mercadotecnia da ARE, apostando por unha campaña baseada na intriga para captar a atención da veciñanza antes da presentación da iniciativa.

Dende a Asociación Rianxeira de Empresas destacan que o Pasaporte do Bo Rianxeiro pretende “converter o apoio ao comercio local nunha experiencia participativa e divertida, ao tempo que reivindica o papel fundamental que desempeñan os negocios da vila na súa vida económica e social”.

O Pasaporte do Bo Rianxeiro estará dispoñíbel a partir do 15 de xuño nos establecementos adheridos á campaña. “Porque ser un bo rianxeiro tamén é apostar polos negocios da túa vila”, indica a ARE.

Outros artigos

Espazos Sonoros chega á Pobra con Sara Ruiz, este 26 de setembro

O ciclo Espazos Sonoros 2026, organizado pola Deputación da Coruña, fará parada no concello da Pobra o vindeiro sábado 26 de setembro cunha xornada que combinará música, patrimonio, historia e literatura e que conta coa colaboración do Concello da Pobra do Caramiñal....

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.