Muros aproba por unanimidade unha moción de condena ante a agresión homófoba sufrida por un veciño de Muros e en defensa do colectivo LGBT

29 Maio 2026

O Concello de Muros aprobou no pleno celebrado este xoves 28 de maio pola noite e por unanimidade de todos os grupos unha moción para “expresar a máis firme condena do Concello de Muros ante a agresión homófoba sufrida por un veciño do noso municipio en Santiago de Compostela”.

O texto da moción, presentada pola concelleira de Muller e Igualdade, Maruxa Martínez, “traslada toda a solidariedade, apoio e afecto institucional á vítima e ao seu entorno”, ademais de “reafirmar o compromiso do Concello de Muros coa defensa dos dereitos das persoas LGBT e coa tolerancia cero ante calquera manifestación de odio, discriminación ou violencia por razón de orientación sexual ou identidade de xénero”.

Lembraron que nos últimos días fíxose pública a agresión homófoba sufrida por un veciño de Muros en Santiago de Compostela, “uns feitos intolerábeis que supoñen un ataque directo á dignidade, á liberdade e aos dereitos fundamentais das persoas LGBT”.

Segundo transcendeu, “a vítima foi obxecto de insultos e ameazas de carácter homófobo, chegando incluso a sufrir unha agresión física”, sinalouse na moción, incidindo en que “estes comportamentos non poden ser normalizados nin minimizados baixo ningún concepto, xa que representan manifestacións de odio incompatíbeis cos valores democráticos, coa convivencia e co respecto á diversidade que deben rexer a nosa sociedade”.

“As administracións públicas teñen a responsabilidade de posicionarse de maneira clara fronte a calquera forma de discriminación, promovendo espazos seguros, libres e igualitarios para todas as persoas, independentemente da súa orientación sexual ou identidade de xénero”, engade a moción.

“Do mesmo xeito, cómpre recoñecer a valentía da vítima ao denunciar publicamente os feitos sufridos, contribuíndo así á visibilización dunha realidade que segue afectando a moitas persoas”, remata o texto.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.