Santiago acolle este domingo o pleno do Día das Letras Galegas de Begoña Caamaño. Directo internet

16 Maio 2026

A Real Academia Galega celebrará este domingo o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas que lle dedica a Begoña Caamaño (1964-2014) no Teatro Principal de Santiago (12:00 horas). O acto central do 17 de maio, de entrada libre ata completar a capacidade da sala, contará coas alocucións académicas sobre a figura e a obra da escritora e xornalista a cargo de Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Víctor F. Freixanes. O presidente da institución, Henrique Monteagudo, pechará a sesión, á que lle porá a música Sofía Espiñeira. A celebración, organizada co apoio do Concello de Santiago de Compostela, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, poderá seguirse tamén en directo.

A gran festa da cultura galega naceu en 1963. A Real Academia Galega elixiu como homenaxeada para aquela primeira edición a Rosalía de Castro, a autora fundacional das letras galegas contemporáneas, cadrando co centenario da publicación de Follas novas. Un ano despois nacía en Vigo Begoña Caamaño, a protagonista deste 17 de maio. Como escritora, o seu debut foi tardío, aos 45 anos de idade, e a súa carreira viuse truncada polo seu prematuro falecemento por mor dun cancro cando acababa de facer os 50. Pero as dúas novelas que publicou, Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012), merecen un lugar destacado nas letras galegas contemporáneas, tanto polo seu talle literario e lingüístico e a súa amenidade coma pola capacidade de reflexión sobre os grandes temas universais, dende o amor, a liberdade e a morte ata cuestións éticas, políticas e sociais. 

Ambas as obras teñen en común a reescritura de mitos dende unha perspectiva feminista, a primeira partindo da Odisea e a segunda das lendas do ciclo artúrico. Sobre os temas que quixo abordar nelas e as súas fontes de inspiración reflexiona a propia autora en Begoña Caamaño presenta Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle, a edición conmemorativa da RAG coa que será agasallado o público que asista ao pleno extraordinario.

Pero as Letras Galegas non só celebran a Begoña Caamaño escritora. Tamén reivindican a súa coidada palabra como xornalista comprometida co rigor, a honestidade e a lingua galega, desde os seus inicios profesionais en Vigo, onde traballou en Radio Noroeste e Radio Popular de Vigo antes de pasar á delegación da Radio Galega. Caamaño incorporouse en 1992 á redacción central da emisora pública, un cambio que marcou o comezo da súa etapa como veciña de Santiago de Compostela. Neste novo tempo profesional destacan, alén da súa participación no Diario Cultural, as súas achegas como como directora, redactora e locutora dos programas Andando a Terra, Club Cultura e Expreso de Medianoite, dispoñibles na plataforma de Agalega.

Divulgación na Rede: do documental ao primeiro videopódcast da RAG
Tras o pleno do 17 de maio, a programación presencial sobre Begoña Caamaño continuará en outono en Vigo, que acollerá o simposio da RAG dedicado á autora. Pero alén dos actos, a Academia está a reforzar a divulgación na Rede cunha serie de contidos dispoñibles na sección das Letras Galegas 2026 desta web e en Youtube. No documental Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul ofrece un retrato da autora  tecido por amizades e especialistas na súa obra, en diálogo coas súas propias novelas, dramatizadas en cápsulas que contaron, entre outras colaboracións, coa da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. 

A serie de reels É o tempo de Begoña Caamaño e o primeiro videopódcast da RAG, Colchas de voces, no que se abordan asuntos que preocuparon e ocuparon a Begoña Caamaño escritora e xornalista, a activista e a amiga, son outras das propostas orientadas a conectar sobre todo coa mocidade e os formatos máis anovadores. As convidadas do primeiro episodio son as integrantes do dúo musical Fillas de Cassandra, que comparten con Begoña Caamaño a súa revisión feminista e creativa da mitoloxía clásica.

O público infantil é o destinatario de Primavera das Letras. Na web do proxecto pode descargarse o texto teatral, para ler e representar dentro e fóra das aulas, Uuu-uuu, BEGOÑA!, da escritora viguesa An Alfaya e ilustrado por Laura Romero. No mesmo espazo ofrécense outros contidos divulgativos, actividades interactivas ou fichas para colorear. Canto ao Portal das Palabras, tamén ofrece contidos sobre o noso léxico arredor do mundo de Begoña Caamaño.

Outros artigos

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...