Muros presenta a programación do Mes das Letras e da XVIII Mostra de Teatro Xosé Agrelo

12 Maio 2026

O Concello de Muros presentou a programación do Mes das Letras e da XVIII Mostra de Teatro Xosé Agrelo, dúas citas xa clásicas na promoción da lingua e a cultura galega no concello.

“No Concello de Muros temos un compromiso co uso e a defensa da nosa lingua todo o ano, pero maio sempre é un mes especial para dar a coñecer a creación artística en galego, as nosas letras e outras disciplinas artísticas como o teatro ou o deseño”, asegurou a alcaldesa, María Lago, que presentou a programación xunto á concelleira de Lingua, Laura Rivadeneira; Cultura, Caridad González, e Uxía Saborido, deseñadora de Esteiro que se encargou este ano dos carteis do Mes das Letras e a Mostra de Teatro.

A alcaldesa destacou ademais que “nun tempo no que a intelixencia artificial está usurpando o traballo de deseñadores e ilustradores, as administracións públicas temos a responsabilidade de dar exemplo e fomentar o talento local, nesta ocasión da man de Uxía Saborido, autora do cartel”.

Laura Rivadeneira destacou “a importancia que teñen para o concello as sesións de teatro para o alumnado dos centros educativos”, agradecendo “a implicación da comunidade educativa de Muros e de asociacións como ADISBISMUR, A Creba e Misela, ademais dos usuarios do centro de día”.

Caridad González lembrou pola súa parte “a calidade da programación da mostra e das compañías que pasarán polo escenario do auditorio”, dando continuidade este mes de maio “á programación cultural que temos durante todo o ano.

Cartel

“O cartel está protagonizado por Begoña Caamaño e a idea era facer un deseño que conectase coa personalidade dela. Begoña era unha persoa moi reivindicativa, feminista e con moita cultura, Esa cultura que che da viaxar polo mundo cos ollos ben abertos”, explicou Uxía Saborido.

“Esteticamente xoguei cun contraste moi marcado entre o verde corporativo do concello e un laranxa vivo que recorda a ese ton amarelento que collen as paxinas dos libros ao largo dos anos. Esta combinación busca crear unha estética retro e expresiva da impresión editorial. Un colaxe de recortes, tal como se facían antes os carteis culturais”, engadiu Saborido, que lembrou que “Ler o mundo é parte dunha cita de Begoña a cal me parecía moi potente para poñer”.

Programación

A programación arrincou este luns 11 con actividades de aproximación á figura de Begoña Caamaño nos centros educativos de Muros.

Haberá como cada ano obras de teatro, charlas, obradoiros e o tradicional acto de ofrenda a Xosé Agrelo, organizado pola Asociación Cultural O Xeito na Alameda de Esteiro este domingo 17 de maio.

Entre os actos máis destacados figuran o concerto de Nelson Quinteiro (este venres no auditorio ás 11h), a representación de Begoña Caamaño: o transgredir das ondas (este sábado ás 20.30 no Local da Esteirana), a ofrenda a Xosé Agrelo Hermo do día 17 (ás 13h na Alameda de Esteiro a cargo da Asociación O Xeito) e o concerto de Unha Señora Orquestra (ás 13.30 horas do día 17, na Alameda de Esteira, aberta a todo público).

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...