A Área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña presentou este venres unha nova edición da xornada Fai memoria!, concibida para dotar de ferramentas o profesorado para tratar os contidos relacionados coa memoria histórica. A actividade, de balde, terá lugar o vindeiro 25 de abril de 2025 no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia en Santiago de Compostela. Para asistir cómpre anotarse no correo faimemoriaxornada@gmail.com.
A deputada de Dereitos Civís, Sol Agra, sinalou que esta segunda edición colle pulo “tralo éxito da primeira e coa vontade de que continúe medrando”. Explicou que o obxectivo é achegar recursos, formación e información sobre memoria histórica, así como impulsar o intercambio de experiencias entre docentes.

Neste sentido, subliñou que “hai partes, situacións e figuras do noso pasado que se están invisibilizando e que forman parte da defensa duns valores dos que hoxe podemos desfrutar”, facendo fincapé en que “especialmente invisibilizadas foron as mulleres”.
Agra advertiu tamén da necesidade de reforzar o traballo ao redor da memoria democrática nas aulas “nun contexto no que medran discursos fascistas, incluso entre a mocidade”, e sinalou que “reflexionar sobre o pasado é fundamental” para a repetición dos mesmos erros no presente. Por iso, considerou clave ofrecer ao profesorado ferramentas que lles permitan abordar estes contidos “de maneira crítica e contextualizada”.
Nesa mesma liña, a escritora Eva Mejuto reflexionou que “memoria histórica é ollar o pasado con perspectiva de presente e vontade de futuro”, incidindo na necesidade de incorporar esta mirada ao ámbito educativo como ferramenta para formar unha cidadanía máis consciente e comprometida.
Agra tamén destacou que a elección do espazo non é casual, xa que o centro sociocultural Maruxa e Coralia leva o nome de dúas das irmás Fandiño, “que padeceron a represalia fascista”, o que reforza o sentido da propia actividade.
Programación
A cita reunirá ao longo de toda a xornada profesionais do ensino, investigadoras e divulgadores que abordarán distintas maneiras de traballar a memoria democrática nas aulas e fóra delas. A sesión de mañá abrirase ás 10:00 horas coa intervención de Sol Agra Tuñas, que tratará a A necesidade da memoria das aulas, centrada no papel da educación na transmisión da memoria democrática colectiva.
Ás 10:15 horas, Carlos Rodríguez Pérez e Nee Barros ofrecerán o relatorio Roteiros para a memoria: recursos para docentes, no que se presentarán ferramentas prácticas para incorporar as camiñadas como dinámicas de memoria no ensino e coñecer os lugares da memoria.
Ás 11:00 horas será a quenda de Filmes para a memoria. Propostas audiovisuais para traballar a memoria na aula, unha sesión a cargo de María Xesús López Escudeiro e Coral Piñeiro, creadora do filme Dores, na que se analizará o potencial do audiovisual como ferramenta pedagóxica para a memoria.
Após o descanso, ás 12:30 horas, Miguel García-Fernández abordará a relación entre memoria e literatura infantil e xuvenil desde a súa experiencia na Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña, desde a directiva de Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) e desde a divulgación na súa conta de Instagram @lectureo.
Xa pola tarde, o programa trasladarase ás rúas de Compostela cun roteiro sobre as pegadas de Federico García Lorca na cidade, guiado por Henrique Alvarellos, editor e escritor, responsable da editorial Alvarellos, especializada en memoria histórica e con abonda documentación sobre a obra e a vivencia de Federico García Lorca en Galiza.
A partir das 18:00 horas, o docente e investigador Carlos Callón ofrecerá unha intervención sobre a ocultación da disidencia sexual no currículo escolar baixo o título Cantas lésbicas coñeces na historia da Galiza?.
O peche da xornada estará dedicado ás experiencias de divulgación en Internet, coa participación de proxectos senlleiros como Terra e Memoria, do grupo de investigación da USC HISTAGRA, presentado por Sara Flores Martín e Alejandro Rodríguez Barreiro; A do Chinto, con Leti Mayán, e A ferida aberta no 36, un podcast creado por Nuria López, xornalista da Radio Galega.



