“Os amigos, como irmáns”. Luís Celeiro

28 Marzo 2026

Sería bonito facer un simposio para tratar, dende unha perspectiva científica, tódolos aspectos da
amizade, dese sentimento de afecto e confianza que abraza cunha aperta forte á xente de ben. Un
simposio para estudar, reler e recordar aos filósofos que prestaron atención á amizade, á querenza
dos amigos, deses que ao velos contigo encárganse de dicir quen es, de onde vés e para onde vas.
Deses que están sempre atentos e ao teu lado, nas verdes e nas maduras.
Aristóteles, uns séculos antes de Cristo, falaba da amizade como a boa vontade recíproca e
recoñecida, con utilidade para ambas partes, amizade por pracer e por virtude. Cando os clásicos se
referían á amizade, non pensaban nos miles de milleiros de amigas e amigos a golpe de clic. As
amizades das redes son outra cousa, forman parte doutras correntes filosófica ou sociolóxicas que
están en proceso de estudo, en cambio constante e na procura do vieiro adecuado.
A amizade verdadeira entre persoas está baseada nunha relación fonda, madura e determinada polo
que son cada un dos individuos. En facebook, ou en calquera das outras redes con miles de amigos, a
relación é superficial entre descoñecidos, é como un sentimento de enorme soidade. As redes
sociais e a súa utilidade poden considerarse como algo positivo e favorecedor da mercadotecnia,
para o consumismo e, en ocasións, para a confusión que xera a escasa información.
Sería ben facer un congreso de expertos e estudosos da amizade para darlle corpo á idea, ao pracer
e ao interese por compartir. Para darlle voltas e analizar aquilo que dicía Séneca de que “nada
proporciona tanto pracer á mente como unha amizade sincera e leal”. Sería ben pararse, mirar e
observar a amizade entre os pobos, entre as relixións, entre as culturas amigas, a veciñanza e entre
cada un dos membros de calquera familia.
Ás amizades hai que coidalas e protexelas, respectalas e entendelas. Son parte importante do
patrimonio persoal, son a riqueza máis grande que se pode conseguir e, como escribiu Luisa Villalta,
“a amizade ten flor que rebenta nas paredes”. A Tía Manuela enténdea como compromiso. Un
compromiso que esixe franqueza, que se basea no coñecemento dos amigos e que se prolonga no
tempo, para converterse en irmandade. Iso é, os amigos, como irmáns.

Outros artigos

“Un negocio moi rendible” – José Manuel Pena

Demasiada hipocrisía en materia de vivenda por parte de moito axentes políticos, sociais e empresariais. A vivenda continúa sendo un negocio e moi rendible para uns poucos propietarios sen escrúpulos, para os fondos voitre, grupos inmobiliarios e grandes propietarios,...

+

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

A Casa da Cultura de Antas de Ulla chámase Teresa Batán. Bautizárona co nome da muller que entregou a vida á Biblioteca do seu pobo. Para min é Teresa de Antas desde hai máis de trinta anos, amiga admirada pola dedicación preocupada pola cultura e polos nenos. Na...

+

“Quen engana a quen?” – Antón Luaces

Pepa Millán, a portavoz de Vox no  Congreso dos Deputados, xoga a, como mínimo, dúas bandas: ou se engana ou nos engana ao enxuiciar o que acontece estes días en Ceuta onde, desde os días 30 e 31 de xullo pasado vén falando da necesidade de expulsar da cidade autónoma...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.