O PP de Noia di que o Concello tenta vender como “propios” os 6,5 millóns de euros en investimentos deixados polo anterior goberno

10 Marzo 2026

O voceiro e presidente local do PP de Noia, Santiago Freire, compareceu ante os medios para achegar o seu balance sobre os primeiros seis meses de Goberno do PSOE e A Marea. Segundo dixo, o Executivo actual demostrou “a súa absoluta incapacidade para xestionar nin un so proxecto novidoso para Noia”. Engadiu que “están sempre queixándose da herdanza do Partido Popular, cando esa herdanza é a que lles está a salvar a cara diante dos veciños e veciñas de Noia xa que o meu Goberno deixou programados investimentos por máis de 6,5 millóns de euros. Eses mesmos proxectos que agora eles intentan vender como propios ante a veciñanza con mentiras e propaganda, chegando incluso a cambiarlles o nome para que parezan diferentes e que fixeron algo”.

Os populares sinalaron que “nestes últimos meses o Concello de Noia leva executados máis de 1,7 millóns de euros en investimentos conseguidos, orzamentados, proxectados e mesmo adxudicados polo Goberno presidido por Santiago Freire”. E engadiu o ex-rexedor: “Levan seis meses sen mover un dedo e vivindo da propaganda, de venderlle á veciñanza as obras que nós tiñamos proxectadas. E por riba teñen a desvergoña de criticarnos e de dicir que de non ser por eles non se terían realizado, como fixeron recentemente coa instalacións da aerotermia no campo de fútbol ou cos paneis solares do Pavillón Alonso Rodríguez, dúas actuacións xestionadas polo meu Goberno diante da Xunta de Galicia”.

O grupo reivindicou que “as xestións realizadas no Goberno municipal permitiron a execución de investimentos como as pavimentacións realizadas en Pontenafonso e Boa” e puxo en valor “as obras de mellora e reparación integral no Coliseo Noela, que permitiron a súa reapertura; a ampliación e mellora das instalacións do punto limpo; a mellora do saneamento en Augalevada; a pavimentación do viario de Vilardante a Vilafabeiro; o ascensor da Casa da Cultura; o novo tractor con rozadora; a ampliación das beirarrúas do polígono de Augalevada; ou as obras da factoría da mocidade”.

Freire apuntou que “o último exemplo témolo co Plan de Sostenibilidade Turística en Destino da Ría de Muros Noia, que contempla 2,3 millóns de inversións na comarca; un plan aprobado en 2022, que permitiu facer obras como o acondicionamento dos miradoiros de Bergondo e San Cristina e que contempla obras que agora PSOE e Marea pretenden vender como propias tales como o acondicionamento dos Xardíns Felipe de Castro, as acometidas para o Albergue da Chaínza e a Factoría da Mocidade ou a área para autocaravanas”.

Ademais, Freire Abeijón dixo que “sen a herdanza do Partido Popular non estariamos a piques de rematar dúas das obras máis importantes das últimas décadas en Noia, como son a remodelación integral da depuradora e a mellora da ETAP, que suman un investimento de máis de 4,5 millóns de euros. E cando neste verán os veciños e veciñas desfruten dun notable incremento da calidade da auga da billa, será grazas ao Goberno do Partido Popular, por moito que a propaganda do Concello busque colgarse a medalla”.

Isto, engadiu, “tamén acontece coa depuradora, para quen a Xunta ten reservados 1,6 millóns de euros neste ano 2026 e cuxa posta en marcha redundará na mellora dos servizos e da calidade de vida dos veciños e veciñas de Noia, así como no coidado da ría, o que redundará positivamente no futuro da pesca, do marisqueo e do turismo”.

Outros artigos

Medio Rural dá por extinguido o incendio de Ribasieira

A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado no concello do Porto do Son, parroquia de Ribasieira, quedou extinguido ás 19,11 horas de hoxe, xoves 24 de setembro. Como lembraremos, o lume iniciouse ás 14,42 horas do pasado luns e...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.