COGAMI alerta de que se seguen a vulnerar os dereitos das persoas con discapacidade

02 Decembro 2025

Con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, este 3 de decembro, a confederación COGAMI que dirixe o sonense Anxo Queiruga emitiu un comunicado no que alerta de que a vulneración de dereitos “continúa sendo unha realidade diaria para milleiros de persoas en Galicia e no conxunto do Estado”. Así, indican, “a falta de accesibilidade, a discriminación no emprego, as desigualdades na infancia, a brecha educativa e a insuficiencia de apoios impiden o exercicio pleno da cidadanía”.

Este mércores 3 de decembro, COGAMI e as máis de 50 entidades membro, queren dar novamente visibilidade a todas as persoas con discapacidade, homes, mulleres, nenas e nenos que, xunto coas súas familias, “viven unha vida marcada polo incumprimento dos seus dereitos. Poder elixir como vivir a nosa propia vida de maneira activa, precisa dunha sociedade preparada e exenta de barreiras psicolóxicas, sociais, mentais e físicas”.

En Galicia, segundos datos da Xunta, hai 246.942 persoas con discapacidade; 127.519 son mulleres e nenas e 10.786 son menores ata 15 anos.

As persoas con discapacidade, suxeitos de dereitos

Indican no comunicado que “as persoas con discapacidade somos suxeitos de dereitos e temos capacidade xurídica plena en igualdade de condicións que as demais” e que “os dereitos humanos son propios da dignidade das persoas, son universais, indivisibles, interdependentes e están interrelacionados e recoñecidos pola Convención da ONU”.

Dende COGAMI e as entidades da discapacidade esixen “a plena adaptación da normativa ás previsións da Convención e que se integre a perspectiva interseccional en todas as políticas públicas”.

Engaden que “o certificado de discapacidade é a chave de entrada para poder optar aos recursos públicos”. Así se pon de manifesto no informe parcial Evaluación participativa del Nuevo Baremo de la Discapacidad: hacia una inclusión más eficaz, onde se recolle que case a metade (48%) das persoas valoradas espera máis de un ano para obter o certificado. En Galicia a espera no baremo de antes de 2023 era de 6 e 7 meses e no actual é de entre 7 e 10 meses. Así mesmo, cómpre garantir a equidade nas valoracións de discapacidade, que hoxe dependen do territorio e equipo avaliador.

A accesibilidade é un dereito para o conxunto da cidadanía

COGAMI lembra que “unha persoa que ten limitada a súa liberdade de comunicación, circulación, socialización, acceso a vivenda, ao transporte público, á educación, ao ensino, a espazos lúdicos ou culturais,… é unha persoa que está discriminada con respecto a outras; é un deber de toda a sociedade apoiar a inclusión e non a discriminación”.

Así falta de accesibilidade é unha forma de discriminación social.

Indícase que só o 0,6 % dos edificios en España son accesíbeis, a pesar de ser unha obriga legal, e que “100.000 persoas con mobilidade reducida non poden saír da súa casa”.

COGAMI lembra que “para garantir o dereito a unha vida independente é necesaria a creación dun Fondo Estatal pola Accesibilidade Universal, para o establecemento de axudas específicas para todas as comunidades veciñais que deban afrontar o elevado custe das adaptacións que imposibilitan, en moitas ocasións, a realización das obras de mellora da accesibilidade”.

Denuncian tamén que “a falta de accesibilidade ou apoios vulnera o artigo 27 da Constitución; polo tanto, cando unha nena ou neno non poden asistir a clase porque existen barreiras arquitectónicas ou porque carecen de profesionais de apoio, estase faltando ao que dita a propia Constitución”.

O 20 % do alumnado con discapacidade sofre segregación educativa. Así, a taxa de estudantes con estudos superiores é inferior a do resto do alumnado, un déficit causado principalmente porque os estudos universitarios implican desprazamento da residencia familiar a unha cidade que decote non conta con vivendas adaptadas ás súas necesidades; as facultades carecen de infraestruturas habilitadas; a falta de transporte adaptado; insuficientes recursos económicos de bolsas de estudo,…

Inclusión laboral efectiva

As persoas con discapacidade atopan dificultades no acceso ao mercado de traballo, contan cunha taxa de paro moito maior. En Galicia: 15,4 % fronte ao 9,6% e en España (19,7 % fronte ao 12 %). Faise necesario que a Administración incentive a incorporación das persoas con discapacidade ao mercado laboral.

“É necesario cumprir e reforzar a reserva do 2 % en empresas de máis de 50 persoas contratadas e executar as medidas necesarias para garantir o cumprimento da lei”, reclaman dende COGAMI, avogando tamén por “apostar polas iniciativas de economía social para crear oportunidades laborais dentro do propio colectivo, polo que debe de existir un compromiso firme da Administración para asegurar a súa continuidade”.

Nenez e xuventude, o grupo máis invisíbel

As etapas da nenez e a xuventude son as máis discriminadas dentro do grupo social das persoas con discapacidade, con escaseza tanto de apoios para a autonomía persoal como para a escolarización.

COGAMI recorda que “en Galicia hai 10.786 menores con discapacidade, con idades comprendidas entre os 0 e os 15 anos segundo datos da Xunta de Galicia”. No conxunto do Estado non existen datos estatísticos globais, o que provoca a súa invisibilidade. “É necesario que as familias teñan acceso á información, sensibilización e, sobre todo, a servizos especializados dende a idade temperá para garantir o desenvolvemento integral das nenas e nenos con discapacidade”, sinalan dende a confederación.

Muller e discapacidade: múltiple discriminación

As mulleres con discapacidade son o 51,63 % da poboación con discapacidade en Galicia.

“Pese a ser maioritarias, as mulleres con discapacidade viven discriminación interseccional, polo que resulta indispensábel que todas as medidas e accións dirixidas a erradicar calquera forma de violencia teña en conta ás mulleres e nenas con discapacidade así como a supervisión do seu cumprimento”, sinala COGAMI, engadindo que “non existen datos reais sobre violencia machista contra mulleres con discapacidade: non se recolle nos partes policiais”.

Sistema público de saúde

Respecto do sistema público de saúde, “debe ser accesíbel e con protocolos específicos para determinadas patoloxías”.

“Reivindicamos un espazo sociosanitario, de forma que os sistemas social e sanitario queden integrados nun único sistema”, sinalan dende COGAMI, avogando por “abordar os servizos sociais como un dereito da cidadanía, un dereito universal, vinculante e esixíbel, promulgando unha Lei de Garantía de Dereitos e Servizos Sociais que garanta uns parámetros iguais de atención a todas as persoas que precisen apoios para a súa inclusión social”.

Polo tanto, dende COGAMI e o seu movemento asociativo reclaman que se garantan mecanismos sólidos e eficaces de vixilancia dos dereitos, para que non sigan producíndose discriminacións por razón de discapacidade.

A confederación acompaña esta reclamacións dunha campaña lanzada co gallo do 35 aniversario da entidade, onde poñen en valor ás persoas: “Son elas as que deciden dirixir as rendas das súas vidas”. O vídeo da campaña está dispoñíbel na Rede.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.