Ribeira avanza no traspaso da Unidade de Condutas Aditivas ao Sergas nun pleno extraordinario aprobado por unanimidade

01 Decembro 2025

A transferencia atinxe aos servizos e medios persoais e materiais afectos á atención sanitaria

A Corporación municipal de Ribeira celebrou este mediodía un pleno extraordinario e urxente no que se deron pasos decisivos para formalizar a asunción da Unidade de Condutas Aditivas (UCA) por parte do Sergas. Trátase dun servizo que, ao longo dos seus anos de funcionamento, atendeu máis de 3.000 persoas usuarias de toda a comarca.

A alcaldesa, María Sampedro, expresou a súa “satisfacción e orgullo” polo labor realizado pola UCA, destacando “a súa implicación e profesionalidade, que acabou converténdose nunha familia”. Os concelleiros e concelleiras aprobaron por unanimidade o traspaso á Xunta de Galicia dos servizos, persoal e medios materiais vinculados á atención sanitaria prestada pola unidade.

A transferencia inclúe o paso ao Sergas de 12 traballadores. Durante a sesión, a rexedora explicou que xa trasladou á Consellería de Sanidade o convenio existente entre o Concello e a asociación Renacer relativo á asesora xurídica que presta servizo, así como a situación do posto de auxiliar administrativo, cuxo titular expresou a súa vontade de permanecer no cadro de persoal municipal.

O traspaso tamén afecta a seis contratos actualmente en vigor —alarma, telefonía, electricidade, limpeza, ascensor e fotocopiadora— que deixarán de estar asociados ao Concello coa integración da UCA no sistema sanitario autonómico.

Ademais, o pleno aprobou desistir da solicitude de adscrición por 30 anos do inmoble empregado pola unidade, realizada no seu día ante a Tesourería Xeral da Seguridade Social, ao quedar sen efecto polo traspaso ao Sergas a partir do 1 de xaneiro de 2026.

Nas últimas semanas celebráronse varias xuntanzas de coordinación para garantir que o proceso de integración sexa progresivo e non interfira nin na atención ás persoas usuarias nin no traballo diario do persoal da UCA.

Outros artigos

Proseguen os traballos de extinción do lume de Ribasieira (O Son)

Este martes 22 de setembro segue activo o lume forestal do concello de Porto do Son, orixinado e focalizado (polo de agora) na parroquia de Ribasieira, nun lugar de difícil acceso que pola súa complicada orografía e pola precariedade dos accesos motivou onte o...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.