O Concello de Noia vén de sacar a licitación dúas obras financiadas con fondos europeos Next Generation EU, cun investimento total que supera os 187.000 euros, enmarcadas no programa xestionado polo Concello pero pertencentes á ARD Ría da Estrela. As actuacións teñen como obxectivo avanzar na mellora da mobilidade peonil e da integración do patrimonio natural e histórico no núcleo urbano, reforzando a imaxe e os servizos da vila.
Mellora dos accesos á senda litoral en O Obre
Orzamento: 96.287,10 € (IVE incluído)
O proxecto actuará nos accesos á senda litoral desde O Guindastre, A Xunqueira e O Sino, este último situado no núcleo histórico de O Obre, onde se atopa a igrexa de Santa Mariña, o lavadoiro e a fonte.
Segundo informou o Concello, “a obra busca crear unha transición amable entre a trama urbana e o contorno natural protexido, empregando pavimentos de lastras de pedra (adoquíns) granítica en zonas de solo urbano, e acometendo a renovación dos firmes deteriorados”. Tamén se conectarán as baixantes á rede de saneamento en O Sino.
“Esta mellora permitirá un acceso máis cómodo para veciñanza e visitantes, potenciando o uso da senda litoral e favorecendo o descubrimento do patrimonio local”, engadiron dende o Goberno local.
Acondicionamento do firme dos Xardíns Felipe de Castro

Orzamento: 90.909,08 € (IVE incluído)
Esta actuación céntrase en traballos de mantemento e conservación, incluíndo a reparación e mellora do pavimento actual, a eliminación de obstáculos que dificultan a mobilidade, e tamén a posta a punto do mobiliario urbano existente.
Os ditos xardíns, situados sobre os antigos terreos do convento de San Francisco e configurados como espazo público desde mediados do século XIX, constitúen un elemento patrimonial e paisaxístico clave na identidade de Noia. “A súa recuperación contribuirá a preservar o trazado histórico e reforzar o atractivo desta zona singular”, explicou o Concello.
Declaracións institucionais
O alcalde Francisco Pérez subliñou que “este investimento permitirá mellorar a imaxe dos xardíns e dotar a Noia dunha mellora significativa na comunicación con Testal e co Camiño de Santiago. Son actuacións que reforzan a nosa aposta por unha Noia máis libre de barreiras, máis amábel e con maior valoración do seu patrimonio”.
O tenente de alcalde Manuel Seijas destacou que “nestes primeiros 100 días de Goberno puxemos orde en servizos que estaban desatendidos e estamos impulsando con axilidade os contratos que levaban tempo parados. Estas obras son un exemplo claro de que Noia volve avanzar”.



