A deputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Iria Carreira, denunciou este xoves a grave situación que están a sufrir numerosos provedores da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza debido aos atrasos crónicos nos pagamentos por parte da Xerencia do Sergas.

Segundo explicou, as empresas afectadas —na súa maioría pequenos comercios e provedores de alimentación como froita, pan, carne, peixe ou conxelados— acumulan débedas desde os meses de abril, maio e xuño. En varios casos, a pendente de cobro rolda os 200.000 euros, cifras que supoñen un “impacto enorme” para negocios locais cun volume reducido de facturación.
Carreira subliñou o contraste entre os datos oficiais da Consellería de Sanidade, que falan dun prazo medio de pagamento de 28,3 días, e a realidade denunciada polos provedores, con facturas sen aboar durante seis, sete ou mesmo oito meses. “Ou mentimos nós, ou menten os provedores, ou mente a área sanitaria. Hai un dato que non cadra”, afirmou con contundencia.
A deputada cualificou de “desvergoña” a resposta que, segundo os afectados, reciben da Xerencia cando preguntan polos impagos: “Se sobran cartos doutras consellerías e os transfiren a sanidade, pagaremos, e se non, xa veremos o ano que vén”. Para Carreira, esta actitude evidencia unha “falta de planificación e rigor inadmisible” nun ente público.
Ademais, advertiu de que esta situación está levando a moitos negocios a plantexarse deixar de traballar coa administración pública, o que non só prexudica o servizo, senón que provoca un efecto dominó negativo sobre os produtores locais que abastecen a estes provedores.
Por todo iso, o BNG esixe á Consellería de Sanidade que aclare a situación completa dos provedores da área sanitaria, defina as súas prioridades de pago e concrete



