O Concello de Padrón recada preto de 1 millón de euros en recibos atrasados do mercado dominical

27 Novembro 2025

O Concello de Padrón conseguiu recuperar preto de 1 millón de euros correspondentes aos recibos do mercado dominical que permanecían sen cobrar desde hai anos. Dende o Goberno local explicaron que “estes atrasos acumulados foron consecuencia directa do deixamento e da falta de xestión do anterior equipo de goberno do Partido Popular, que mantivo practicamente paralizada a tramitación destes expedientes”.

Lembraron tamén que “unha das prioridades do actual equipo de Goberno, desde a súa chegada en 2023, foi precisamente poñer ao día a administración municipal, desbloqueando numerosos procedementos que levaban tempo sen tramitar e que estaban a prexudicar tanto ás arcas municipais como ao funcionamento ordinario dos servizos públicos”.

O concelleiro de Mercados, Luis Mariño, destacou que “esta importante recuperación económica é froito dun traballo rigoroso e constante para normalizar a situación que nos atopamos e que permite unha mellora a futuro no funcionamento”. Pola súa banda, o alcalde, Anxo Arca, subliñou que “era necesario actuar con responsabilidade e ordenar unha situación que acumulaba anos de atrasos”.

O Executivo local salientou ademais que “o mercado dominical de Padrón é o máis grande de Galicia e un dos motores económicos e sociais máis importantes do municipio”.

O equipo de Goberno valorou que “o desleixo na xestión dun sector que máis dinamiza o noso concello amosa o estado no que se atopaba a administración anterior”.

A regularización destes cobros non só supón unha recuperación de ingresos imprescindíbeis para seguir mellorando os servizos públicos, senón “que tamén garante un funcionamento máis transparente, eficiente e xusto do histórico mercado dominical”, indicaron.

O Concello continuará traballando para actualizar outros procedementos que “tamén quedaron sen tramitar nos últimos anos, coa vontade de devolver á administración municipal o dinamismo e a eficacia que a veciñanza merece”, engadiron.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.