A Asociación de Empresarios de Ribeira (AER) presentou este xoves 27 de novembro os detalles da edición 2025-26 da súa Campaña de Nadal en Ribeira, que se desenvolve dende o 1 de decembro ao 6 de xaneiro e que, segundo fixo saber a patronal, “este ano chega con novidades pensadas para facela máis dinámica, sostíbel e próxima á veciñanza”. Na presentación da campaña participaron o presidente da asociación, Francisco Martínez Gude, e máis a alcaldesa, María Sampedro.

Indicaron que na iniciativa poderá participar calquera persoa consumidora maior de idade que realice compras ou consumicións en calquera dos establecementos adheridos durante o período establecido.
A participación realizarase mediante as seguintes accións:
-Efectuando unha compra ou consumición en calquera establecemento participante.
-Subindo o tícket de compra á web da Asociación de Empresarios de Ribeira.
O presidente da patronal indicou que só estará permitido un rexistro por cada tícket de compra, e que cada billete rexistrado equivalerá a unha participación no sorteo. Ademais, cada compra adicional xerará unha nova participación.
Dinámica e funcionamento
Nesta campaña sortearanse 6.000 € en vales de compra. Os sorteos celebraranse semanalmente os días 9, 15, 22, 29 de decembro e os premios serán 1.000€ repartidos en:
-1 premio de 200 € en vales de compra.
-3 premios de 100 €.
-10 premios de 50 €.
-10 entradas dobres gratuítas para a Pista de Xeo cada semana
O 7 de xaneiro, semana de Reis, os premios serán dobres, cun total de 2.000 € en vales de compra.
-2 premio de 200 € en vales de compra.
-6 premios de 100 €.
-20 premios de 50 €.
Indicaron que “ao ser distribuídos os premios semanalmente, o diñeiro reinvestirase directamente nos comercios locais, fomentando o consumo no noso municipio durante o Nadal”.
Facilidades para comprar e participar
A maiores do devandito, repartiranse 10.000 tíckets de estacionamento para que todos os clientes poidan estacionar cadanseu vehículo sen problemas mentres desfrutan das súas compras.
“Este ano seguimos colaboramos con Cáritas con unha contribución semanal, fomentando a compra no comercio local e reforzando o espírito solidario do Nadal”, sinalou Francisco Martínez Gude, que quixo convidara todos os comercios e establecementos de hostalería a sumarse a esta campaña, “que combina premios, dinamización do comercio local e diversión navideña”.
Ademais, agradeceu en nome da asociación o apoio especial do Concello de Ribeira, da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña e de Cáritas.




