Este martes, o Goberno español activou a súa axenda de memória democrática e camiña cara a extinción doutras catro fundacións franquistas que se nutren en boa medida con diñeiro público, após a eliminación o pasado 31 de outubro da Fundación Nacional Francisco Franco.
Os obxectivos a eliminar polo ministro Ernest Urtasun son a Fundación José Antonio Primo de Rivera, a Fundación Blas Piñar, a Fundación Privada Ramón Serrano Súñer e a Fundación Pro Infancia Gonzalo Queipo de Llano.
A decisión foi tomada a este respecto na Comisión de Cultura do Congreso, nunha sesión na que foi presentado asimesmo o anticipo da folla de ruta de 2025, ao abeiro da Lei de Memória Democrática, que establece que as leis que enxalzan a ditadura ou humillan ás súas vítimas poden ser disoltas.
O ministro de Cultura defendeu que “un Goberno digno deste nome non pode permitir que o esquecemento de todo o ocorrido neste país se infiltre na nosa memória colectiva e a desintegre”. Insistiu en que o Executivo debe esixir “verdade, reparación e xustiza”.
A tan só unhas horas de que se cumpran 50 anos da morte de Franco e o remate da súa ditadura, o ministerio de Cultura comeza a borrar un dos seus legados máis visibeis, en boa medida controlados por algúns dos seguidores do franquismo desde partidos da dereita e a estrema dereita españolas.



