
O Delegado da AEMET en Galicia, Francisco Infante, daba esta mañá do mércores 17 de setembro unha rolda de prensa na que explicaba que o verán que está a piques de rematar está a ser un dos máis cálidos dende 1961, cunha anomalía media de +2.2 °C e moi seco en canto a precipitacións.
Cunha temperatura media de 20.3 °C, o verán de 2025 colócase na cabeza da serie que comeza en 1961, bastante afastado do segundo, o verán de 2022 (+1.7 de anomalía). Xuño, tamén extremadamente cálido (anomalía +3.1), e tamén o primeiro da súa serie, con algún dato a salientar nas máximas (Ourense: 41.6 °C o día 30). Logo dun mes de xuño excepcional, xullo foi moi cálido. A anomalía media foi de 1.2 ºC, pero isto débese a que na metade sur superouse en 1.5 ou máis a temperatura normal, mentres que case toda a metade norte mantívose por baixo de +1.0 °C de anomalía. Agosto tamén foi moi cálido (anomalía +2.3 ºC), o segundo da súa serie a 0.3 °C do primeiro, o de 2003. Igual que en xullo, houbo diferenzas entre a metade sur, con zonas que superaron en 2.5 °C ou máis o valor normal de agosto, e a metade norte, en parte da cal non se chegou a +1.0 °C de anomalía. Se falamos de precipitacións, recolleuse un 45 % da chuvia habitual do trimestre, o cal converte a 2025 nun verán extremadamente seco, o quinto desde 1961. Xuño foi moi seco, cun 41% sobre o valor normal de media, pero non se chegou nin ao 20% en amplas zonas de Ourense e Lugo. Algo semellante aconteceu en xullo, tamén moi seco e cunha porcentaxe do 52 % sobre o valor normal. Agosto, co 47 % da chuvia habitual, foi seco, pero con diferenzas notábeis entre zonas: mentres que na montaña de Lugo rozouse o 80% da chuvia habitual en agosto, noutras partes de Galicia non se chegou ao 30%.
O mes de xuño, cunha anomalía na temperatura media de +3.1 ºC, o de 2025 é o xuño máis cálido da serie histórica de Galicia. Foi un mes moi seco. As precipitacións recollidas representan só o 41% da chuvia normal. En canto ao vento, o refacho máximo de vento este mes corresponde a Chandrexa de Queixa, tivo lugar o día 24 e foi de 95 km/h.
O mes de xullo foi moi cálido, sobre todo na metade sur de Galicia, onde a diferenza coas temperaturas normais situouse por enriba do grao centígrado. As maiores anomalías, superiores a 1.5 ºC, rexistráronse na provincia de Pontevedra, no sur da de Lugo e nas zonas de menor altitude da de Ourense. Os días 8 e 16 foron os máis calorosos do mes, con temperaturas próximas a 40 ºC. É o oitavo xullo máis cálido da serie histórica de Galicia, que arrinca en 1961. Xullo foi un mes moi seco, aínda que non excepcional, pois desde 1961 hai outros 21 meses de xullo con menos precipitación. Houbo 5 días con treboadas ao longo do mes. O 19, un sistema frontal deixou algunhas cantidades destacadas, como os 37.2 l/m2 medidos en Mazaricos ou os 20.6 da Lama. O 19 mediuse o refacho de vento máximo do mes: 102 km/h en Estaca de Bares.
O mes de agosto. Agosto de 2025 pasa a ocupar o segundo posto da serie histórica de Galicia, despois do de 2003. Aínda así, houbo zonas, como parte do terzo norte ou das Rías Altas, onde a anomalía da temperatura media roldou o grao centígrado. Rechamante foi a anomalía nas máximas, de 3.0 ºC, que clasifica ao mes como extremadamente cálido e colócao no primeiro lugar da serie histórica. A máxima absoluta, 42.8 ºC, rexistrouse en Ribadavia o día 4. As mínimas tamén foron moi cálidas, con varias noites tropicais ao longo do mes. Agosto foi seco en xeral, aínda que con matices. A maior parte da chuvia do mes concentrouse nos últimos 5 días, cando a retirada do anticiclón dos Azores permitiu a entrada de varias frontes atlánticas. Durante esas xornadas rexistráronse valores diarios superiores aos 20 l/m2 en varias estacións. Boiro, con 27.2 l/m2 recollidos o día 30, marca o récord do mes. Nos meses de verán non se adoitan rexistrar valores salientábeis de vento e este agosto non foi unha excepción. Subliñar os 91 km/h rexistrados en Bares o día 30.
Setembro comezou con precipitacións, en xeral débiles por mor da chegada de varias frontes atlánticas, aínda non moi activas. As temperaturas medias estes primeiros días son máis baixas do Até o día 10, a anomalía na temperatura media era de -0.6 ºC (entre frío e moi frío). Chama a atención unha anomalía nas máximas de -2.5 ºC, o que dá un carácter ao mes de moi frío, mentres que a anomalía nas mínimas é positiva: +1.4. Os días 5 e 6 foron os máis cálidos. A máxima absoluta foi de 34.3 ºC en Monforte o día 6. En canto ás mínimas, o día máis frío foi o 9 con mínimas por baixo dos 5 ºC en gran parte do interior. A salientar os 2.8 ºC rexistrados en Beariz e os 2.4 ºC de Xinzo.



