O Concello de Muros, o Concello de Carnota e Espina & Delfín, empresa concesionaria dos servizos de augas, puxeron en marcha a campaña A auga é vida. Aprovéitaa co obxectivo de fomentar un consumo responsábel e consciente da auga entre a veciñanza.

A iniciativa busca sensibilizar sobre a importancia da preservación dos recursos naturais. A escaseza de precipitacións, as elevadas temperaturas e os efectos do cambio climático, especialmente durante a época estival, “teñen un gran impacto nos caudais ecolóxicos dos ríos”, explican as entidades impulsoras da campaña, engadindo que “para manter as reservas hídricas durante todo o ano é fundamental realizar un consumo eficiente da auga para consumo”.
En 2024, o volume de auga consumida en Muros foi de 873.816 m³, cunha media de 72.818 m³/mes. Esta cantidade foi superada nos meses de febreiro e de xuño a outubro, sendo agosto o de maior consumo, con 98.825 m³.
No concello de Carnota, o consumo total foi de 476.076 m³, cunha media de 39.673 m³/mes. Esta media superouse en marzo, de maio a setembro e en novembro, sendo xullo o mes de maior gasto, con 52.158 m³. Os datos de ambos concellos evidencian a importancia de consumir auga de maneira responsábel durante todo o ano, non só na tempada estival.
A campaña incide en pequenos xestos do día a día que poden marcar a diferenza, como pechar a billa mentres se enxaboan os pratos, non tirar lixo polo inodoro nin aceite polo vertedoiro, ducharse en vez de bañarse ou utilizar a lavadora e o lavalouzas con cargas completas. Tamén se recomenda moderar o uso de auga para encher piscinas, lavar vehículos e regar xardíns, así como pechar a chave de paso en caso de ausencia prolongada.
Esta mensaxe difúndese a través de carteis colocados nos edificios municipais, instalacións do servizo de augas, e tamén mediante as redes sociais e páxinas webs dos concellos e da concesionaria.
Espina & Delfín, o Concello de Muros e o Concello de Carnota convidan a toda a cidadanía a sumarse a esta campaña e a colaborar activamente na protección dun recurso vital e cada vez máis escaso.



