O proxecto Comunidades Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais e Cambio Climático (CAPRIF-CC) organiza o vindeiro domingo, día 3
de agosto, unha nova actividade de voluntariado ambiental no Living Lab Barbanza-Ulla-Sar, concretamente en Lousame, orientada a deseucaliptizar o monte de Froxán. Esta acción, coordinada pola Fundación Montescola, desenvolverase entre as 10.00 e as 14.00 horas, e as persoas interesadas en inscribirse poderán facelo ata este xoves, 31 de xullo, enviando os seus datos a info@montescola.org ou cubrindo o formulario existente na páxina web do proxecto CAPRIF-CC.
O proxecto CAPRIF-CC, impulsado pola Fundación Juana de Vega, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER), a Fundación Centro Tecnológico y Forestal de la Madera (CETEMAS), a Asociación Galega de Custodia do Territorio e a Fundación Montescola, conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación,
Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea cos fondos NextGenerationEU.




