
Esquerda Unida Boiro emitiu un comunicado no que mostra o seu rexeitamento ao proxecto de construción de 900 vivendas que achegou o Goberno local a través do Plan Parcial, entre o núcleo da vila e a praia de Barraña (140.000 metros cadrados). Consideran que se trata “dun plan deseñado para a especulación inmobiliaria e o turismo”. Para EU, estamos ante unha iniciativa que “converterá nun auténtico caos o centro urbano do municipio e situará ao concello ao borde do colapso”. O grupo engade que “as 902 vivenda proxectadas serán evidentemente destinadas ao turismo e á especulación inmobiliaria” e que estas “vivendas poden achegar a Boiro, en temporada alta, a 2.886 persoas máis, que suporía un aumento de demanda dos servizos de abastecemento e saneamento completamente inasumíbel para as infraestruturas de Boiro”.
Ademais, sinalan, “esta superpoboación traduciríase en máis de 9 mil traxectos en coche ao día, colapsando aínda máis o centro de Boiro, afondando así ás consecuencias de outras desafortunadas ideas dos últimos tempos, como a localización na rúa principal do supermercado Mercadona”.
E engaden: “Estamos a falar dunha iniciativa que converterá a Boiro nun pobo exclusivamente turístico, con todo o que iso implica: aumento xeneralizado dos prezos, comercio destinado exclusivamente a satisfacer necesidades vacacionais e vivenda ao alcance de moi poucos”.
O que se pretende co Plan Parcial, apuntan, “é converter o municipio nun destino vacacional que expulsará ás familias que pretendan vivir no pobo durante todo o ano”.
Critican tamén o custe do proxecto: “Mentres o concello conta con solo urbano consolidado e dotado de servizos, o Goberno insiste en urbanizar unha nova área desde cero, asumindo un sobrecuste que se trasladará ao prezo final da vivenda”.
E engaden: “Estímase que o prezo medio por vivenda andará polos 283.000 euros, completamente fora do alcance da maioría da veciñanza”.



