A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, presidiu este luns 30 de xuño a reunión do Comité Provincial da Coruña de Coordinación Policial contra os incendios forestais para a campaña de alto risco, na que tamén participou e a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.
Este órgano está formado por representantes das diferentes forzas e corpos de seguridade do Estado presentes en Galicia.
O obxectivo da xuntanza, na que tamén participaron a subdelegada do Goberno, María Rivas, membros da Delegación do Goberno e da Dirección Territorial de Medio Rural, foi “reforzar a coordinación entre administracións e avanzar na loita contra os lumes no territorio provincial”.
Belén do Campo destacou que na provincia da Coruña a Xunta conta, este verán, con 115 brigadas (Medio Rural + GES + Concellos), con 88 motobombas (Medio Rural + GES + Concellos + Parques Comarcais), con 4 bulldozer (Medio Rural) e 2 helicópteros (Medio Rural). Ademais, destacou que en total están mobilizadas 1.285 persoas que participan na defensa contra incendios (Medio Rural + GES + Concellos + Parques Comarcais).

Durante a reunión, realizouse unha análise detallada por parte do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF) sobre a evolución dos incendios forestais rexistrados nos anos 2024 e no que vai de 2025, avaliando os principais focos, a superficie afectada e os tempos de resposta na extinción.
Ademais, planificouse a actividade de vixilancia preventiva para a campaña de alto risco de 2025, coordinando recursos técnicos e humanos entre os distintos corpos e administracións para garantir unha resposta eficaz ante posíbeis emerxencias. Como vén sendo costume por estas datas, fixouse unha distribución dos diferentes efectivos sobre o territorio, “prestando especial atención a aquelas áreas con maior incidencia deste tipo de actuacións”.
Outro dos puntos centrais da reunión foi a análise dos resultados das investigacións realizadas polas forzas e corpos de seguridade do Estado sobre os incendios do ano anterior, afondando na identificación de causas, autores e recorrencias, así como na evolución da actividade incendiaria en cada distrito forestal da provincia.
A delegada destacou a importancia da cooperación entre administracións e corpos de seguridade “para anticiparse, actuar con eficacia e, sobre todo, previr os incendios forestais que ameazan o noso patrimonio natural, a seguridade das persoas e o medio rural galego”. Salientou “a renovación permanente que se realiza desde a Xunta de Galicia dos vehículos e equipamentos para loitar contra os incendios forestais” e lembrou que desde a Xunta realízanse simulacros para optimizar todos os recursos humanos e materiais, o máis recente tivo lugar no concello de Rianxo.
No marco deste comité, a delegada territorial apelou á responsabilidade dos cidadáns para que extremen as precaucións e fixo un novo chamamento á cidadanía para que denuncie calquera actividade delituosa que poida poñer en perigo a nosa riqueza forestal, xa que reiterou que 3 de cada 4 lumes son intencionados.
Neste sentido, lembrou que a Xunta ten a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, destacou que existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.
María Rivas destacou a implicación do Goberno de España
Na reunión de traballo deste luns 30, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, destacou “a firme implicación do Goberno de España na
posta a disposición dos recursos necesarios para facer fronte aos incendios forestais”. Engadiu que “o dispositivo do Goberno está preparado para actuar con máxima rapidez e eficacia alí onde se produza unha emerxencia, garantindo unha resposta áxil e coordinada”.
Segundo lembrou a subdelegada, o dispositivo contempla preto de 4.000 efectivos, entre a Unidade Militar de Emerxencias (UME), Garda Civil,
Brigada de Reforzo de Incendios Forestais (BRIF) de Laza e equipos de prevención integral (EPRIF), Terzo Norte da Armada e Exército de
Terra, Garda Civil e Policía Nacional. Como en campañas anteriores, está previsto o despregamento dunha decena de medios aéreos —entre avións, helicópteros, unidades lixeiras e de recoñecemento— que operarán ao longo do verán e, nalgúns casos, continuarán en servizo ata o 31 de outubro. No ámbito tecnolóxico, sinalou que, ademais dos 30 drons que realizarán tarefas de vixilancia nos montes, estará operativo o dron de ataque terrestre da UME. Xunto a eles, a Xunta poderá acceder ás imaxes do sistema de vixilancia por satélite Copérnico, a través da Dirección Xeral de Protección Civil doMinisterio do Interior.
Como novidade, dixo que o Ministerio de Interior facilitará o desprazamento de tres equipos de extinción procedentes de Países Baixos e Estonia para
colaborar no operativo e obter coñecementos aplicables nos seus países. Tamén se reforzará a Operación Centinela Galego, que contará con 35 patrullas do exército e volverán as patrullas a cabalo da Garda Civil e da Policía Nacional para facilitar a vixilancia en zonas forestais de difícil acceso.
A subdelegada aproveitou “para facer un chamamento á responsabilidade individual e colectiva da cidadanía, especialmente nestes meses de
risco elevado”. Así mesmo, instou aos Concellos “a extremar as precaucións no uso dos fogos artificiais, conscientes do perigo que poden supoñer en determinadas condicións meteorolóxicas. Evitar os incendios forestais é tarefa de todos e todas.”
Durante a campaña de 2024, os medios estatais interviñeron en 41 incendios forestais en Galicia, con 135 actuacións que supuxeron máis
de 315 horas de voo, o que representa o 15,65% de incendios atendidos a nivel nacional e o 14,22% de horas voadas respecto ao total nacional. O lume máis grave rexistrouse en setembro no municipio pontevedrés de Crecente, onde foi activada a Unidade Militar de Emerxencias, UME.



