O Concello da Pobra do Caramiñal promove a autoestima das mulleres a través da arte co programa Autoestimarte

16 Maio 2025

A área de Igualdade do Concello da Pobra do Caramiñal pon en marcha o programa Autoestimarte, unha proposta destinada a mulleres que busca promover a autoestima, o fortalecemento persoal e o autocoñecemento mediante a creatividade e a expresión artística.

O programa desenvolverase en dúas sesións de dúas horas e media cada unha no Centro Sociocomunitario da Pobra do Caramiñal. A primeira será o mércores 4 de xuño baixo o título Identificarte e centrarase na exploración e reinterpretación da imaxe persoal, indo máis aló dos estándares externos e favorecendo unha conexión máis profunda coa propia identidade.

A segunda sesión será o mércores 11 de xuño e levará por nome Expresarte, ofrecendo un espazo para a libre expresión a través da arte, promovendo o activismo persoal e colectivo.

As persoas interesadas poden inscribirse no propio Centro Sociocomunitario, no departamento de Igualdade do Concello da Pobra, a través do correo electrónico igualdade@apobra.gal ou chamado ao 981 83 27 64 (extensións 5 e 6). O número de prazas está limitado a 25 e as inscricións permanecerán abertas ata que se completen.

A concelleira de Igualdade, Estefanía Ramos, destacou que “con iniciativas como Autoestimarte queremos ofrecer espazos nos que as mulleres poidan reforzar a súa autoestima a través da creatividade” e puxo en valor a importancia “de seguir levando a cabo accións que poñan o foco no benestar emocional e a igualdade”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.