Ribeira homenaxea aos deportistas de Kempo polos seus éxitos nacionais e internacionais

14 Maio 2025

O Concello de Ribeira celebrou un acto de recepción oficial ao Club de Kempo Barbanza, en recoñecemento aos excelentes resultados acadados en competicións autonómicas, nacionais e internacionais. O evento tivo lugar no salón de plenos do consistorio e contou coa presenza do alcalde Luís Pérez Barral, o concelleiro de Deportes Xabier Vidal e a edil de Servizos Municipais Tania Redondo.

Durante a recepción, o alcalde destacou o compromiso, a disciplina e o esforzo da mocidade ribeirense, asegurando que “estes logros deportivos son motivo de orgullo para todo o municipio”. Pérez Barral salientou que Ribeira conta con numerosos deportistas de alto nivel, “e para o Concello é fundamental poñer en valor estes éxitos, xa que os valores do deporte están ligados ao esforzo, ao sacrificio, á perseveranza e á loita cun mesmo”.

Pola súa parte, o concelleiro de Deportes indicou que esta homenaxe estaba pendente “polo gran papel do club no Campionato de España, ao que agora se suman os recentes éxitos internacionais de Marta Teira, Iván Parada e Juan Ramón Millares”. Vidal tamén agradeceu ao club “o traballo que realiza en Ribeira e por levar o nome da cidade aos máis altos niveis do deporte español e mundial”.

O adestrador e tamén competidor Iván Parada interveu para lembrar os bos resultados acadados no Campionato de España infantil celebrado en marzo, no que Galicia logrou o segundo posto no medalleiro nacional. Aproveitou para agradecer o apoio das familias, do equipo técnico e dos compañeiros Marta e Juan Ramón.


Palmarés destacado:

Campionato do Mundo

  • Juan Ramón Millares: 3 ouros
  • Iván Parada: 2 ouros e 1 prata
  • Marta Teira: 1 ouro e 2 pratas

Campionato de España

  • Thiago Vidal, Emma Franco, Claudia Arcos, Ainoa Parada, Naira Parada, Isaac Sampedro, Marta Graña, Marta Teira, Noah Olveira, Noa Piñeiro, Daniela Teira e Asier Teira tamén obtiveron medallas a nivel estatal.

O acto serviu non só para homenaxear os logros deportivos, senón tamén para poñer en valor o labor formativo do club, destacando a importancia do deporte como ferramenta de cohesión social e promoción de valores positivos entre a mocidade.

O Concello de Ribeira reiterou o seu compromiso co tecido deportivo local e manifestou a súa vontade de seguir colaborando para fomentar a práctica deportiva en todas as idades.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...