
O Intercambio Escolar Eixo Atlántico 2025 entre os concellos de Ribeira e Felgueiras deu comezo os pasados días 28 e 29 de abril coa estadía do alumnado do CEIP Heroínas de Sálvora de Aguiño en terras portuguesas. A experiencia contou cunha excelente acollida por parte do alumnado anfitrión do quinto curso do Agrupamento de Escolas D. Manuel de Faria e Sousa.
Durante a primeira xornada en Felgueiras, e malia un apagamento inesperado, a organización funcionou á perfección grazas ao compromiso do profesorado e do persoal municipal. Os visitantes galegos foron recibidos polo director do centro educativo, mentres o alumnado local lles presentou os principais elementos culturais e históricos da cidade. A convivencia incluíu xogos compartidos, visitas a espazos escolares e mesmo un percorrido pola emblemática Casa do Pão-de-ló de Margaride.
Este luns 5 de maio, foi a quenda do alumnado de Felgueiras de visitar Ribeira, nunha xornada que comezou cunha recepción no CEIP Heroínas de Sálvora, seguida dunha visita ao Centro Cultural Lustres Rivas e ao Museo Municipal. Ao mediodía, foron recibidos oficialmente polo alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, na Casa do Concello, acompañado da concelleira de Educación e o segundo tenente de alcalde.
“Estes intercambios son moi positivos para a rapazada”, afirmou o rexedor, quen destacou que este tipo de encontros “permiten coñecer distintas realidades e descubrir que Galicia e Portugal comparten unha historia común e unha lingua que nos une a millóns de persoas da comunidade lusófona”.

Pola tarde, o grupo desprazouse ata a Lonxa de Ribeira para realizar unha visita guiada ás súas instalacións, rematando a xornada cun percorrido pola costa ata as pasarelas de Area Secada.
A experiencia continuará este martes 6 de maio en Aguiño, onde o alumnado galego será anfitrión. Durante a mañá compartirán co alumnado de Felgueiras o seu coñecemento sobre Sálvora, o afundimento do Santa Isabel, o Carreiro e as Heroínas de Sálvora. A visita culminará cun paseo polo Carreiro e unha presentación das instalacións e do proxecto pedagóxico do CEIP Heroínas de Sálvora.
A técnica municipal Alicia Padín expresou o seu desexo de “responder coa mesma hospitalidade e dedicación que recibimos en Felgueiras”, destacando o valor educativo e humano desta iniciativa de cooperación transfronteiriza.




