O Goberno oficializa a cesión ao Concello da Casa do Mar de Lira

01 Abril 2025

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, puxo a cesión da Casa do Mar de Lira, en Carnota, como exemplo do compromiso do Goberno cos concellos e coa mellora dos servizos á cidadanía. Fíxoo durante a entrega das chaves do inmóbel ao alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, un acto simbólico co que o Goberno fai entrega deste edificio, que a Xunta devolveu á Tesourería da Seguridade Social hai agora un ano, para destinalo a actividades sociais, culturais e de formación. María Rivas, que estivo acompañada polo director provincial da Tesourería da Seguridade Social, Miguel Planas, destacou que a reversión foi “posíbel grazas ao cambio legal que fixo o Goberno en materia de adscricións o pasado ano e que vai permitir que centos de inmóbeis baleiros en toda España que son obxecto de interese por parte doutras administracións poidan ser postos en valor e gozados pola cidadanía”.

No caso da Casa do Mar de Lira, o edificio seguirá albergando o Centro de Saúde no seu andar baixo, mentres que os 562 metros cadrados restantes, que foran transferidos no seu día á Xunta para asistencia e servizos sociais vencellados ao Instituto Social da Mariña e que levaban sen uso varios anos, pasan a estar adscritos desde o pasado 28 de outubro e durante un prazo de 20 anos ao Concello de Carnota para poñelo ao servizo da cidadanía.

Esta cesión súmase ás de Santiago de Compostela, Boiro e Camariñas. No primeiro dos casos, o Ministerio de inclusión acordou a cesión de dous inmóbeis ao Concello para poñer en marcha un centro sociocultural e un centro de día de xestión pública; en Camariñas cedeuse ao Concello a Casa do Mar de Camelle para o seu uso por parte da cidadanía, mentres que en Boiro, o Concello recuperou os usos do edificio que xa era da súa titularidade dous anos antes de que expirase o período de cesión.

A subdelegada aproveitou a súa visita ao concello para supervisar, acompañada do alcalde, os traballos que se executa o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico na praia de Carnota, na zona de Caldebarcos. “Estas obras forman parte dunha actuación do Ministerio para loitar contra a erosión na costa da Coruña e, ao mesmo tempo, aumentar a súa resiliencia ante os efectos do cambio climático”, apuntou a subdelegada, que incidiu na importancia de conservar os ecosistemas “para poder seguir gozando de areais tan fermosos como este de Carnota, o máis extenso de Galicia”.

As obras que executa Costas consisten na ordenación dos accesos peonís en Caldebarcos, Boca do rio, Carnota e Mallou para así diminuír a erosión e fortalecer estes espazos fronte ao cambio climático. Actualmente estase a traballar na zona norte da praia, coñecida como Caldebarcos pola proximidade á aldea homónima. Alí, o Ministerio está a retirar os materiais empregados para a explanación do campo de fútbol que se empregaba como aparcamento e impedir o acceso de vehículos mediante a colocación de cerramento disuasorio para conseguir a rexeneración deste espazo. Do mesmo xeito, habilitará un único itinerario para o tránsito peonil, en lugar dos dous existentes sobre a duna, a través dunha pasarela de madeira delimitada por pilotes con corda.

Ademais de no de Carnota, o plan contempla actuacións nos ecosistemas dunares de Morouzos (Ortigueira), Vilarrube (Valdoviño), San Xurxo (Ferrol), Baldaio (Carballo), Soesto e Traba (Laxe), Nemiña (Muxía) e Xuño (Porto do Son), o que permitirá restaurar 33,9 Km de áreas e ecosistemas degradados da costa da Coruña. O orzamento global ascende a 2.558.652,90 euros e se prevé que todas as obras estean executadas ao longo de 2025.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.