A Garda Civil investiga o roubo ocorrido no centro de día de Muros, onde varias persoas se introduciron nas instalacións durante a noite e subtraeron, polo menos, tres ordenadores portátiles.

O suceso foi descuberto polas primeiras traballadoras que chegaron pola mañá. Unha ventá rota alertou do incidente: alguén rebentara o cristal cunha pedra, deixando marcas de sangue na zona. Á entrada, atoparon o centro revolto e sinais evidentes do saqueo.
Os autores do roubo revisaron practicamente todas as dependencias, polo que se sospeita que foron varias persoas e que permaneceron no lugar durante un tempo prolongado. Ademais de levar os tres ordenadores das oficinas, consumiron alimentos das neveiras e deixaron restos de comida polo centro.
Os asaltantes intentaron levar máis obxectos, pero non lograron sacar todo o botín debido á dificultade de saíra pola ventá.
A pesar do roubo dos portátiles, cun valor estimado inferior aos 2.000 euros, os maiores danos foron os estragos materiais deixados polos intrusos. Ningún veciño escoitou ruído durante a noite, polo que non hai testemuñas do sucedido. A Garda Civil mantén aberta a investigación para esclarecer os feitos.



