O itinerario paisaxístico e cultural Volta de Gloria promóvese en Hungría

19 Febreiro 2025

A Volta de Gloria, o primeiro itinerario cultural e paisaxístico circular baseado en dúas rutas xacobeas (o Camiño de Fisterra Muxía e o Camiño da Ría de Muros Noia), dáse a coñecer fóra das nosas fronteiras. Se o pasado mes de xaneiro facía a súa presentación oficial no marco de FITUR, desta vez esta ruta foi dada a coñecer en Hungría a través de dúas conferencias impartidas por José Antonio de la Riera nas cidades de Budapest e Szeged.

“Un premio ao final de todos os camiños de Europa: dúas rutas xacobeas máis un itinerario mítico de enlace entre montes sacros, xunto ao océano infinito. Facho de Fisterra, Olimpo Celta (Monte Pindo) e Monte Louro. Para aventureiros, buscadores, desfrutóns e, sobre todo, xente sen presa”, deste xeito presentou José Antonio de la Riera a Volta de Gloria.

Escritor, investigador e membro fundador de distintas entidades como a Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, a Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago ou a Asociación Vía Mariana, José Antonio de la Riera é un dos responsábeis do traballo de delimitación da Volta de Gloria, xunto a outros expertos como Antón Pombo e Segundo Saavedra. Un itinerario que presentou en Hungría, en sendas conferencias moi concorridas na capital Budapest e en Szeged, cidade universitaria ao sur do país que é a terceira máis poboada do país.

José Antonio de la Riera desprazouse en primeiro lugar a Budapest, onde presentou a Volta de Gloria ás asociacións xacobeas de Hungría. Ao día seguinte, desprazouse ata Szeged, onde reuniu a gran número de peregrinos e sendeiristas, a quen explicou que a ruta estará plenamente operativa en primavera, como un espazo de transición entre a Ría da Estrela e a Costa da Morte.

Volta de Gloria

Volta de Gloria é o primeiro itinerario turístico, cultural e paisaxístico que une dous camiños xacobeos, creando o primeiro percorrido circular con saída e meta en Santiago. Un itinerario que suma un total de 300 quilómetros e que se pode facer en 10 ou 15 días. Unha iniciativa impulsada pola Ría da Estrela e os concellos de Carnota, Cee, Dumbría e Muros, en colaboración co GALP Costa Sostible.

A Volta de Gloria discorre por impresionantes monumentos naturais, entre os que figuran dous dos montes máis míticos de Galicia: o Monte Pindo, coñecido como o Olimpo Celta, e o Monte Louro, que conforma un espectacular conxunto natural coa lagoa das Xalfas e a praia de Area Maior. Canda eles figuran moitos atractivos turísticos como a fervenza do Ézaro en Dumbría, a única de Europa que verte directamente ao mar; ou a praia máis longa de Galicia, emprazada en Carnota canda algúns dos hórreos máis grandes da comunidade.

Un percorrido entre Cee e Muros sinalizado grazas ao financiamento do GALP Costa Sostible e que é rico tamén en pegadas arqueolóxicas (petróglifos, mámoas, castros), paisaxes espectaculares e enclaves singulares, como a Caseta de Pepe do Cuco de Carnota, o primeiro museo automatizado de Galicia con acceso libre 24 horas ao día todos os días do ano que recolle a historia mariñeira do municipio. Trátase dun produto turístico que non é exclusivo para peregrinos, senón que está aberto a sendeiristas, ciclistas ou xente que faga o percorrido nas fins de semana.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.