O BNG critica que a Xunta devolva fondos da UE cos que podería crear 3.400 prazas públicas de escolas infantís e que afectaría á construción dunha nova en Ribeira

31 Xaneiro 2025

A deputada do BNG, Ariadna Fernández, acusou á Xunta de Galicia de renunciar a 22 millóns de euros de fondos europeos que poderían destinarse á creación de prazas públicas en escolas infantís. Segundo a parlamentaria, esta decisión responde a unha “postura ideolóxica” do Goberno galego, que favorece a gratuidade universal da educación infantil a través da iniciativa privada.

Ademais, a situación en Ribeira exemplifica as deficiencias na creación de prazas públicas de escolas infantís. O alcalde deste municipio, Luís Pérez, reclamou que a Xunta atenda a demanda, recordando que en setembro a Corporación Municipal ribeirense instou ao goberno autonómico a integrar a escola infantil municipal na rede pública Galiña Azul. Tamén demandou a construción dunha nova escola infantil en Ribeira, un compromiso adquirido polo PP en campaña electoral que aínda non se materializou.

“O Concello vese obrigado a asumir un gasto anual de 550.000 euros para manter a escola infantil municipal, mentres a Xunta se nega a incorporala á rede pública e tampouco cumpre coa promesa de construír unha segunda escola”, denunciou o rexedor. Criticou que, en lugar de investir os 22 millóns de euros dispoñibles para a ampliación da rede pública de escolas infantís, o goberno galego prefira devolver estes fondos europeos e apostar polo financiamento de prazas en centros privados.

Fernández cuestionou a universalidade desta política ao destacar que a Xunta renuncia a dous de cada tres euros destes fondos, mentres a taxa de escolarización en Galicia é do 60%, segundo datos da Consellería de Política Social.

O Goberno galego recibiu 34,85 millóns de euros a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia entre 2021 e 2023, destinados á creación de máis de 3.400 prazas públicas. Porén, a Xunta anunciou a devolución de 22,3 millóns de euros, deixando sen executar máis da metade dos fondos asignados.

A deputada do BNG alertou da insuficiencia de prazas públicas nun contexto no que existen 10 nenos por cada 7 prazas dispoñibles. Ademais, lembrou que o Consello de Contas advertiu que sen servizos é imposible fixar poboación no rural. Segundo Fernández, só 24 dos 313 concellos galegos contan con suficientes prazas para atender a demanda.

Durante a súa intervención, a deputada preguntou ao director xeral de Familia e Infancia, Jacobo Rey, sobre o número de prazas existentes e a proporción entre as públicas e privadas, así como as previsións para o curso 2025-2026. Na súa resposta, Rey mencionou a creación de 1.000 novas prazas, unha cifra que Fernández considerou insuficiente, recordando que só en Vigo hai 500 crianzas en lista de espera.

A deputada nacionalista cuestionou por que a Xunta rexeita fondos que permitirían ampliar a oferta de prazas públicas, reducindo a dependencia das privadas, que poden triplicar o custo das públicas. Ademais, criticou que os orzamentos de 2025 prioricen o financiamento das escolas privadas en detrimento da creación de prazas públicas.

Exemplificou esta diferenza coa comarca Deza-Tabeirós-Montes, onde unha praza privada pode custar 300 euros, mentres que a Xunta financia só 90 euros por unha praza pública xestionada polos concellos. Ademais, sinalou os problemas laborais que afectan as traballadoras do sector privado.

Na actualidade, Galicia conta con máis de 550 escolas infantís, sumando as públicas, privadas e de iniciativa social, con 32.100 prazas para nenos de 0 a 3 anos. Con todo, Fernández asegurou que esta cifra é insuficiente para garantir unha verdadeira gratuidade universal, dada a elevada demanda e as listas de espera.

Desde o comezo da lexislatura, o BNG presentou 32 iniciativas relacionadas coas escolas infantís, defendendo a necesidade de máis prazas públicas. Segundo a deputada, o PP rexeitou estas propostas porque “nin pensan nas crianzas nin nas familias”, subliñando que habería que aproveitar os fondos europeos para aumentar a oferta de prazas públicas. Fernández concluíu lembrando que actualmente hai 32.000 prazas dispoñibles para 63.000 crianzas en Galicia.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La tiranía de no intentarlo”. José Antonio Constenla

“La tiranía de no intentarlo”. José Antonio Constenla

Tras el varapalo del último informe PISA, que sitúa a los alumnos españolespor debajo de la media de los países miembros de la OCDE en matemáticas,lectura y ciencias, lo que muestra un importante retroceso respecto a losniveles de hace una década, alguien debería...

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.