
A rúa Peonil de Boiro acolle este venres 27 de decembro un espectáculo musical para a rapazada da agrupación Migallas Teatro: Merenda con pan de millo. Será a partir das 19.00 horas e encádrase na ampla programación cultural e de lecer que organizou o Concello de Boiro para este Nadal. En caso de choiva a función trasladarase ao local multiusos da Praza de Abastos.
Merenda con pan de millo é un espectáculo de pequeno formato (máximo 150 persoas) baseado no Libro-disco Pan de millo, editado pola Editorial Kalandraka e coa produción musical a cargo de Paulo Nogueira e Magoia Bodega, do grupo Treixadura. Nel combínanse cancións e narración oral, co proceso de elaboración do pan de millo como fío condutor. Os temas musicais que se interpretan son: Pan de millo, O piollo e a pulga, Unha vella tiña un can, Que cousa, cousiña é? e Miña Abuela Manuela. A música está gravada (toca unha banda de pulgas) mais as voces solistas son en vivo.
Xénero: comedia e canción infantil
Idioma: galego
Público preferente: infantil e familiar



