O Living Lab Barbanza-Ulla-Sar está a materializar un proxecto para protexer e priorizar as especies autóctonas e os usos tradicionais nos nosos montes. Contará co apoio integral do proxecto Comunidades Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais e Cambio Climático (CAPRIF-CC), que anunciou que colaborará na iniciativa para “elaborar e desenvolver un plan específico destinado a controlar e combater a proliferación de especies exóticas invasoras” nos montes do Living Lab, que comprende os municipios coruñeses de Rianxo, Ribeira, Porto do Son, Dodro, Padrón, Rois e Lousame.

A decisión de priorizar esta iniciativa para erradicar as especies exóticas invasoras nos montes da contorna adoptouse a semana pasada durante a terceira sesión de traballo do Living Lab Barbanza-Ulla-Sar “por tratarse dunha problemática común” na maioría das 13 comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC) involucradas no proxecto: Balouta e Fontecova, Cruz de Avelán, Froxán, Lapido, Extramundi, Baroña, Asados, Araño, Ferreira e Campelo, Leiro, Fieitoso de Taragoña, Carreira e San Miguel da Costa. Tras avaliar máis de medio cento de propostas individualizadas para avanzar cara a unha xestión multifuncional nos distintos montes do Living Lab, os representantes das CMVMC presentes na reunión determinaron que “a eliminación das especies invasoras, a posta en marcha de explotacións gandeiras e o aproveitamento dos elementos patrimoniais e paisaxísticos dos montes debían ser as liñas de traballo principais”. Entre esas tres
opcións, decantáronse por priorizar a erradicación das especies exóticas invasoras “ao tratarse dunha actuación na que varias comunidades de montes xa están a traballar e para a que demandan maior apoio por parte das Administracións Públicas”.
Desde o proxecto CAPRIF-CC ofrecerase asesoramento técnico sobre a estratexia e as medidas máis axeitadas para frear a proliferación de especies exóticas invasoras, como pode ser o caso da acacia ou a denominada “herba da Pampa”. Ademais, as comunidades de montes veciñais en man común tamén acordaron desenvolver actividades de formación e voluntariado ambiental para concienciar á sociedade da necesidade de conservar a biodiversidade e as especies autóctonas e, para iso, tratarase de involucrar aos centros educativos para que o alumnado participe nas actividades de monitoraxe e erradicación de ditas especies.

O proxecto CAPRIF-CC está impulsado pola Fundación Juana de Vega, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER), a Fundación Centro Tecnolóxico e Forestal da Madeira (CETEMAS), a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) e a Fundación Montescola, e conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea cos fondos NextGenerationEU.
O proxecto CAPRIF-CC está financiado pola Fundación Biodiversidad del Ministerio para la Transición Ecológica y el reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.



