Cestería, macramé, cerámica, madeira e xabóns integraron a oferta dos obradoiros de artesanía Feito coas túas mans, unha iniciativa da Concellaría da Participación Veciñal da Pobra do Caramiñal para potenciar a creatividade da veciñanza, dinamiza os centros socioculturais e dar a coñecer o traballo de artesáns da contorna. O programa rematará poñendo o foco na Nadal.

“O éxito foi espectacular. Enchemos a capacidade de tódolos obradoiros nun par de horas dende o momento do seu lanzamento”, apuntou a concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, quen engadiu que “dada a demanda existente, o programa finalizará cunha edición especial focalizada no Nadal”. A edil explicou que “estes catro novos talleres realízanse en colaboración con Artesanía de Galicia”, pois “empregamos esta entidade para captar artesáns de toda Galicia porque queremos non só aprender a facer cousas, senón tamén dar a coñecer a actividade de todas esas persoas que están recuperando profesións tradicionais e a elaboración de obxectos de maneira manual que se estaban perdendo”.
Como pez en el agua ensinará sobre a elaboración de adobíos de Nadal, do 25 ao 28 de novembro; Amor o Teu impartirá estampaxe, do 2 ao 3 de decembro; Latonta y Larubia dará clases sobre esmaltado en po sobre metal, en cocción a baixa temperatura, do 4 ao 5 de decembro; e a confección de bonecas de trapo virá da man de Wooding, do 9 ao 12 de decembro.
Todos estes obradoiros desenvolveranse na Casa Mariñeira, situada no parque do Castelo, en horario de 18.00 a 20.00 horas.
As prazas son limitadas, polo que é necesaria a inscrición previa a través do enderezo electrónico obradoirosnapobra@gmail.com a partir do 19 de novembro. Deberanse proporcionar os seguintes datos: o nome, os apelidos, o teléfono de contacto e o taller no que se quere participar. Unicamente se pode acceder a un obradoiro, aquel indicado como preferencia. En caso de apuntarse en varios, quedarase en lista de agarda nos restantes, e, de haber vacantes, cubrirase por orde de reserva.




