O Concello de Ribeira apoia as demandas da veciñanza de Aguiño e reclama a cobertura sanitaria completa na parroquia

25 Outubro 2024

O alcalde Luís Pérez, o tenente de alcalde Vicente Mariño, os concelleiros de Sanidade e Mar, Luis Furones e Fernando Abraldes, e outras/os integrantes do Goberno de Ribeira, xunto co responsábel local do BNG, Rafael Pazos, a parlamentaria nacionalista Rosana Pérez, e outras/os militantes dos grupos do Executivo (BNG, PBBI e PSOE), apoiaron este 25 de outubro a mobilización da veciñanza de Aguiño que esixiu novamente cubrir as prazas de médicos (dúas) que debera ter o ambulatorio. Solicitaron facelo “de maneira urxente”.

Lembraron que o Centro de Saúde de Aguiño “atópase sen ningún profesional médico asignado, xa que un está de baixa e outro acaba de xubilarse”. Esta situación, indicaron, “afecta directamente á calidade da atención sanitaria dos seus veciños e veciñas ao non garantir a adecuada cobertura sanitaria, unha eiva que xerou “un grave prexuízo para a veciñanza da parroquia porque debe trasladarse a outros centros para recibir atención sanitaria básica, unha situación insostíbel que require atención inmediata”.

O equipo do Executivo local recordou tamén que o Centro de Saúde de Ribeira, que debería contar con 14 profesionais médicos para atender adecuadamente a demanda da zona, “actualmente dispón unicamente de
10, o que incrementa a presión asistencial sobre o persoal dispoñíbel e limita os recursos sanitarios para unha atención de calidade en toda a contorna. Ante esta situación, o Concello de Ribeira demanda ao conselleiro de Sanidade que “adopte medidas urxentes que permitan dotar tanto ao Centro de Saúde de Aguiño como ao de Ribeira dos recursos humanos necesarios”.

O rexedor, Luís Pérez, “defendeu que o benestar e a saúde da cidadanía non pode estar en xogo pola carencia no persoal de persoal médico, é un risco que non podemos consentir e por iso apoiamos esta demanda
da veciñanza”.

Denunciou que “a situación actual, marcada pola falta de persoal sanitario e administrativo, está a provocar demoras inaceptábeis na atención aos pacientes, sobrecarga laboral nos profesionais, e un empeoramento crónico da calidade do servizo”.

Dende o BNG informaron que xa foron presentadas diversas iniciativas no Parlamento galego para demandar á Consellaría de Sanidade que de forma urxente, cubra todas as prazas vacantes nos centros de saúde de Ribeira e Aguiño para garantir unha atención sanitaria digna e adecuada á poboación. Así mesmo, esixiron a dotación de persoal administrativo suficiente para evitar as longas filas de espera que a diario se forman nestes centros.

Dende a formación nacionalistas animan á poboación a seguir defendendo os servizos públicos e explican que o BNG apoiará esas reivindicacións. Fontes da formación aseguraron que “xa traballamos nas institucións para parar o desmantelamento da sanidade pública porque os recortes padéceos a poboación que sofre demoras de días e semanas na súa atención, co risco de que as súas patoloxías se agraven”.

Pérez Barral tamén pediu dotar a Corrubedo de médico a tempo completo porque evitará que a poboación maior teña que desprazarse ata o “xa colapsado centro de saúde de Ribeira en autobús ou en taxi, supoñendo un gasto económico, ou ben depender doutras persoas para o seu traslado. Estaremos aí ata apoiándoos ata que isto se arranxe” concluíu.

—

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.