
Unha vintena de axentes dos Grupos Operativos Especiais de Seguridade (GOES), unidade de elite do Corpo Nacional de Policía, desprazáronse hoxe desde A Coruña ata a localidade de Boiro.
O operativo concentrouse na estrada xeral de acceso a Cabo de Cruz, na parroquia de Santa María do Castro, onde se realizaron rexistros en polo menos dúas vivendas presuntamente relacionadas cunha investigación por tráfico de drogas, concretamente de cocaína, baixo a dirección dun xulgado coruñés. Esta operación antidroga podería ter máis ramificacións.
Ao parecer, ambos os rexistros están vinculados cunha operación antidroga, relacionada coa venda de cocaína, que está dirixido por xulgado da Coruña.
O despregamento policial, con caseque dúas ducias de axentes captou a atención dos veciños e transeúntes.
Nunha das vivendas, de planta baixa e dous pisos, os axentes forzaron a fechadura da porta principal e accederon tamén por algunhas xanelas, utilizando escaleiras de man, segundo relataron testemuñas. Con todo, non se practicaron detencións, xa que no momento do rexistro a casa atopábase baleira. Na outra vivenda, onde si se atopaban os inquilinos, tampouco se realizaron arrestos. Os rexistros prolongáronse por máis dunha hora, sen que se confirmasen detencións no lugar.



